DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa organización de diferentes actividades en liña e con matrícula de balde

Os socios do proxecto Mobae súmanse á celebración da Semana Europea da Mobilidade

Liderado desde a UVigo, este traballo reúne a participación de cinco institución da Eurorrexión

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 24/09/2020

Os integrantes de Mobae, proxecto Interreg Poctep da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal sobre mobilidade estendida e avanzada vencellada ao sector da industria da automoción, queren sumarse a celebración da Semana Europea da Mobilidade coa organización de dous actos formativos que servirán de colofón ás múltiples actividades postas en marchas desde diferentes ámbitos dirixidas a sensibilizar, tanto aos responsables políticos como aos cidadáns, sobre os efectos da mobilidade.

Liderado pola Universidade de Vigo e coa participación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o Centre of Engieneering and Product Development (CEIIA), o Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e a Universidade de Minho, os representantes do proxecto Mobae ultiman estes días os detalles dunhas xornadas formativas e un seminario internacional que se desenvolverán ao longo do vindeiro mes de novembro en liña e con matrícula totalmente de balde.

Xornadas formativas do 3 ao 5 de novembro

As xornadas celebraranse os días 3, 4 e 5 de xeito totalmente virtual e levarán por título Formación para emprendedores no ámbito da mobilidade avanzada e estendida. No encontro participarán varios representantes do ecosistema de mobilidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal procedentes do ámbito académico, tecnolóxico e produtivo e entre os principais obxectivos da xuntanza atópase o de fomentar o emprendemento innovador e corporativo, presentar os principais avances no ámbito da mobilidade avanzada e as perspectivas de futuro, así como afondar no concepto de competencias emerxentes, unha liña moi afín á ‘mobilidade sen emisións’, tema principal da Semana Europea da Mobilidade 2020.

Co prazo de inscrición a piques de abrirse,  as xornadas van dirixidas tanto ao alumnado universitario de ambas rexións como as traballadoras e traballadores  dos diferentes sectores relacionados coa mobilidade.

Seminario internacional do 17 ao 19

Tamén con carácter virtual, do 17 ao 19 de novembro levarase a cabo o Seminario internacional competencias emerxentes na rede para a mobilidade avanzada e estendida; preparándose para a transformación, un encontro que contará coa participación de numerosos expertos e expertas tanto de Europa como de América que presentarán diferentes iniciativas de mobilidade que axudarán a entender cara onde se está dirixindo a transformación e como se plasma en actividades empresariais na Eurorrexión.
 
O programa formativo divídese en tres bloques temáticos: un sobre impactos da nova mobilidade, outro máis centrado en temas de automoción e, un terceiro no que se afondará nas cuestións relacionadas coas contornas urbanas. Entre os obxectivos  do encontro destaca a creación dunha comunidade asociada ao ecosistema de axentes da mobilidade avanzada e estendida de Galicia e norte de Portugal, así como posicionar a Eurorrexión como un espazo cunha importante capacidade tecnolóxica e humana nestes ámbitos, ademais de compartir novas estratexias dominantes no sistema de mobilidade.

Estas actividades están dirixidas tanto a persoal directivo e executivo de empresas de automoción, TIC, aeronáutico e aeroespacial, como a responsables e xestores no ámbito da mobilidade en administracións locais e rexionais e start-ups con proxectos relacionados con este eido. Ademais, inclúese tamén como público obxectivo aos diferentes axentes do sistema de innovación (universidades, centros de investigación e centros tecnolóxicos) con liñas de traballo vinculadas á mobilidade, cidades intelixentes e envellecemento activo, así como calquera outra persoa interesada nos cambios sociais que implica a mobilidade avanzada.

Un proxecto con 1,2 millóns de euros de orzamento

Coordinado polo profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing, Pablo Cabanelas, o proxecto Mobae ten por obxectivo identificar novas competencias que están a emerxer na contorna da mobilidade e detectar e apoiar iniciativas ou oportunidades de negocio que poidan ter potencial na sociedade actual. Posto en marcha en 2019 conta cunha duración de 31 meses e un orzamento total de 1.202.315€, dos que 901.736€ corresponden a financiación Feder.