DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo Observatorio Eólico de Galicia comezará o 30 de outubro

'Os venres ao vento', un seminario internacional na procura dun sistema enerxético sustentable e equitativo 

Como acadar unha transición enerxética transformadora centrará a primeira sesión 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 28/10/2020

Co dobre obxectivo de dar a coñecer a existencia de diferentes formas de organizar o sistema enerxético e colocar no debate público os aspectos máis significativos relacionados coa enerxía eólica, o vindeiro venres 30 de outubro arrancará o Seminario internacional por un Sistema Enerxético Sustentable e Equitativo. Co sobrenome de Os venres ao vento, a iniciativa do Observatorio Eólico de Galicia, apoiado pola Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto, celebrará ata o mes de decembro seis sesións nas que poñentes procedentes de diversos ámbitos abordarán cuestións relacionadas coa transición enerxética, a enerxía eólica desde a perspectiva local, as innovacións tecnolóxicas ou as comunidades enerxéticas, entre outras.

O responsable do Oega e docente e investigador da UVigo, Xavier Simón, sinala que “a sociedade non pode ollar para outro lado, e debe coñecer que existen formas diferentes para producir un ben tan necesario como é a enerxía. É importante ter enerxía con baixas emisións de CO2 sen dúbida algunha, pero é igualmente importante transformar a súa estrutura organizativa, facelo máis local, máis participativo, máis pequeno, máis social….”. As sesións, que son gratuítas, e se desenvolverán en liña,  entre as 16.00 e as 18.00 horas, tamén porán foco nos aspectos máis relevantes da enerxía eólica, e é que “aínda que o forte desenvolvemento dos últimos 20 anos foi un éxito total no ámbito da produción de electricidade con baixo impacto ambiental, houbo aspectos sociais, económicos e ambientais que foron considerados de forma moi marxinal”, explica Simón, que destaca que existen moi boas prácticas noutros países que deben ser tidas en conta.

Para participar nas sesións as persoas interesadas deben inscribirse previamente. “Neste intre as persoas inscritas representan ámbitos profesionais vinculados coas enerxía e co medio rural e tamén temos colectivos profesionais e algún medio de prensa moi interesado”, explica o docente da UVigo.

Para comezar…. unha transición enerxética transformadora

Co título Para unha transición enerxética transformadora, este vindeiro venres 30 desenvolverase a primeira sesión do seminario na que participarán como poñentes Jacobo Ramírez profesor mexicano no Department of Management, Society and Communication da Copenhagen Business School (CBS), que falará sobre a democracia enerxética cara á transición enerxética, leccións e oportunidades: Estudo comparado entre Dinamarca e México; Cristina Alonso Saavedra, responsable da Área de Xustiza Climática de Amigos da Terra, que centrará a súa intervención nas comunidades enerxéticas como elemento clave para a xustiza climática e Xavier Simón, que abordará o potencial transformador da enerxía eólica no medio rural galego. “Non podemos conformarnos con producir electricidade verde, de baixas emisións de CO2. Cómpre que ocorra xerando os cambios no reparto de beneficios producidos, tanto entre actores como entre territorios, e incluso entre diferentes xeracións”, explica o director do Oega en relación coa primeira sesión do seminario, “un espazo aberto á participación e diálogo entre todos e todas”.

A percepción sobre as enerxías renovables nos concellos galegos e nas cámaras portuguesas, así como a visión empresarial no norte de Portugal e en Galicia, centrarán outra das sesións, nas que tamén se abordará cal é a liña de innovación tecnolóxica que está a ser punteira, contando con enxeñeiros expertos e cunha empresa que traballa en cuestións de minieólica. “Tamén nos interesa todo o relativo ao repontenciamento dos parques eólicos, ou as experiencias que se denominan ‘comunidades enerxéticas’, unha aposta da UE para transformar o modelo enerxético”, detalla Simón. A problemática dos baldíos portugueses e dos montes comunais e os movementos sociais que en Galicia usan lemas como Eólicos si pero non así e en Portugal Eólicos…non van mal, tamén serán obxecto de análise neste seminario internacional.