DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade honra a memoria da homenaxeada nas Letras Galegas coa mostra 'A poesía do retrato'

Os versos de Xela Arias resoan no campus no que estudou

A exposición comprende unha serie de poemas acompañados por 22 fotos da poeta feitas polo seu marido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
M. Del Río DUVI 25/05/2021

Este 2021 é o ano de Xela Arias e o campus de Vigo non quixo deixar de render a súa homenaxe á poeta que, entre 1991 e 1994, foi estudante da Facultade de Filoloxía e Tradución. Para lembrar a súa obra e poñer en valor a transcendencia do seu legado reflexivo, reivindicativo e transgresor, a Área de Normalización Lingüística en colaboración coas vicerreitorías dos campus de Ourense e Pontevedra e a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria organizaron a exposición A poesía do retrato. A mostra, inaugurada este martes, comprende fotografías de Xela Arias realizadas polo seu marido e fotógrafo, Xulio Gil, acompañadas por textos da poeta e  poderase visitar ata o 6 de xuño no exterior do Centro Comercial de Cidade Universitaria. 

Retratos dialogando con versos

A exposición recolle unha serie de poemas de Xela Arias xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil nas décadas de 1980 e 1990 mentres eran parella. De feito, Gil, Premio da Crítica de Galicia das Artes Plásticas 2013, é o autor da meirande parte das imaxes que neste ano dedicado á autora ilustran mostras, artigos e reseñas. 

A poesía do retrato está formada por 22 fotos en branco e negro seleccionadas por Xosé Enrique Acuña entre as máis de 400 imaxes de Xela Arias que forman parte do arquivo persoal do fotógrafo, hoxe doado ao fillo de ambos, Darío Gil Arias. No acto de apertura, o propio Gil Arias explicou que esta selección de “22 retratos dialogando con 22 versos” forma parte dunha mostra máis ampla composta por 40 fotografías, a meirande parte delas “fotografías de estudo que lle fixo meu pai a miña nai, nas que ela dominaba a ollada e transmitía o que quería transmitir de si mesma”. Nalgunhas outras, engadía, o fotógrafo quixo asimilar á poeta “a algunha fotografía icónica”. Pero en calquera caso, estes retratos de Xela Arias entre os 26 e os 40 anos non foron feitos pensado en dar forma a unha exposición, como recoñecía Gil, aínda que agora son o eixo central desta mostra na Universidade de Vigo. Nela, as fotografías están acompañadas por versos da poeta, textos que non foron recollidos en ningún dos seus catro poemarios, senón que “son versos libres publicados en revistas, xornais, etc.” como apuntaba o seu fillo.

No transcurso do acto, o director da ANL, Fernando Ramallo, lembrou que Xela Arias é “a única homenaxeada nas Letras Galegas que foi alumna da Universidade de Vigo”, en concreto da Facultade de Filoloxía e Tradución, onde cursou o primeiro ciclo de Filoloxía Hispánica. Ramallo tamén agradeceu a colaboración das vicerreitorías implicadas nesta proposta, así como a presenza no acto non só do fillo de Xela Arias, senón tamén da nai da poeta e do seu irmá. 

Levar a poesía á rúa

O evento contou coa actuación da Aula de Música Tradicional do campus de Vigo, Son da Lagoas, así como cunha lectura de poemas de Arias da man de dúas alumnas da Facultade de Filoloxía e Tradución. Precisamente, Darío Gil remarcou este carácter multidisciplinar dun acto que “ademais de levar a poesía á rúa e integrala no cotiá, é tamén unha mestura de artes”, unha visión que “vai en consonancia co que pensaba e practicaba a miña nai no referente á arte e á poesía”. Ela entendía, lembraba Gil, “a súa faceta literaria como unha arte máis que sempre podía estar en diálogo coa pintura, a fotografía, a música...”.

A mostra, que xa pasou polo campus de Ourense, poderase visitar no campus de Vigo ata o 6 de xuño, cando será trasladada a Pontevedra, onde permanecerá ata o 20 do mesmo mes. A exposición completa, cos 40 retratos de Xela Arias e os seus correspondentes versos, pode visitarse actualmente en Santiago de Compostela.