DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fernando Dacosta recolleu este xoves o galardón de honra Marisa Soto

Os XXIII Premios María Casares recoñeceron o labor da Aula de Teatro Universitaria de Ourense

A distinción foi compartida coa súa homóloga da Universidade de Santiago de Compostela

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Premios
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 22/03/2019

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolleu este xoves pola noite a gala de entrega dos XXIII Premios María Casares e entre as e os galardoados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia estivo a Aula de Teatro Universitaria de Ourense, que recibiu o Premio de Honra Marisa Soto de xeito compartido coa Aula de Teatro da Universidade de Santiago.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia outorgou o galardón ás dúas aulas en recoñecemento ao “inxente labor destas dúas aulas de teatro, auténticas canteiras para a nosa escena profesional dende as súas respectivas fundacións a comezos dos anos 90 do pasado século,” e ao “gran traballo á hora de crear afeccionados, público e un tecido de interesantes iniciativas formativas ou de exhibición como son os diferentes festivais que se repiten cada ano”.  

Fernando Dacosta, director da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, foi o encargado de recoller o galardón xunto ao seu homólogo da aula compostelá, Roberto Salgueiro. Na recollida do premio, Dacosta salientou como “é un pracer compartilo coa Aula de Santiago e permítome facelo extensible ao movemento teatral universitario galego: aos grupos universitarios e ás aulas de teatro de Vigo e Lugo que tan bo labor fan. Ogallá este premio sirva para recuperar as aulas da Coruña, Pontevedra e Ferrol que cesaron na súa actividade, algo que pon en perigo o modelo teatral universitario do que era estandarte Galicia”.

Estimular  o espírito crítico

Con este premio, dixo ás e aos presentes Fernando Dacosta, “premiades a miles de actrices e actores que pasaron polas aulas de teatro universitarias, algúns están hoxe aquí. Premiades a docentes, dos que tamén hai algúns por aquí”. O teatro profesional, indicou o director da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, “dálle pulo á canteira, á formación de actores e actrices, ao teatro de base, á creación de novos públicos e iso vennos moi ben para tratar de seguir existindo, pois o premio é poder realizar a nosa actividade a pesar das dificultades que atopamos cada ano”.

Entre os agradecementos, Fernando Dacosta apuntou como “un labor de tantos anos débese a moitas persoas, alumnas, docentes, técnicos... tamén amigos e familia”, dando as grazas tamén á Universidade de Vigo e ao campus de Ourense, “representado aquí pola vicerreitora Esther de Blas e o técnico de Cultura, Filemón Rivas, que sempre nos apoiou, ininterrompidamente, desde o ano 91”. A lista de agradecementos tamén incluíu, ademais das institucións, a “varias mulleres: a fundadora da aula, Ánxeles Cuña, e as compañeiras de Sarabela, docentes de diversos niveis da aula, Elena Seijo, Fina Calleja e Sabela Gago”.

“Dise do teatro que é unha arte efémera. Non o creo. Se comunicamos, se emocionamos, se somos quen de transformar ao espectador estaremos axudando a pensar á nosa sociedade, estimulando o seu espírito crítico. E esa persoa cambiada ten un círculo no que pode incidir e ese círculo incidirá nun maior. Penso que o poeta é quen de cambiar as sociedades”, indicou Fernando Dacosta no seu discurso no Teatro Rosalía Castro da Coruña.