DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase do proxecto transfronteirizo entre España e Portugal Iberlongeva

Ourense súmase á iniciativa ibérica que busca unha lonxevidade saudable

Participan a UVigo, a Universidad de Salamanca, o Instituto Politécnico de Bragança e Cenie

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 18/12/2025

Analizar os factores físicos, sociais e cognitivos que determinan o benestar e a autonomía nas sociedades lonxevas para avanzar na construción dun modelo innovador de ciencia, prevención e comunidade que permita comprender e acompañar a lonxevidade. Con este reto por diante, Celanova acolleu este mércores a xornada de presentación de Iberlongeva, “a iniciativa ibérica para unha lonxevidade saudable”. Está impulsada pola Universidade de Vigo, a Universidad de Salamanca e o Instituto Politécnico de Bragança e coordinada polo Centro Internacional sobre o Envellecemento (Cenie).

Iberlongeva é proxecto transfronteirizo entre España e Portugal centrado na lonxevidade saudable e a prevención da fraxilidade, financiado no marco do Programa Interreg VIN-A España–Portugal (POCTEP 2021–2027) da Unión Europea. O acto celebrado en Celanova tivo lugar no seu Concello e foi organizado en colaboración coa Mancomunidade Terra de Celanova. Na cita participaron, entre outros, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Jaime Sousa, presidente da Mancomunidade Terra de Celanova; Pura Rodríguez, vicepresidenta da Mancomunidade; Juan Martín, director do Cenie; Mónica de la Fuente, catedrática de Fisioloxía da Universidad Complutense de Madrid; Francisco Javier Rodríguez, subdirector da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus, e Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense. Na apertura destacouse que o proxecto nace dunha convicción compartida: a lonxevidade non debe afrontarse como un problema inevitable, senón como unha oportunidade que merece ser coidada, comprendida e celebrada. 

Participarán arredor de 1000 persoas 

A provincia de Ourense será un dos eixos do traballo de campo previsto en Iberlongeva, que alcanzará a máis de 1000 persoas nos tres territorios participantes (Ourense, Bragança e Zamora). Os equipos que operarán na provincia estarán integrados por profesionais da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense e da Escola Superior de Enxeñería Informática, xunto co persoal dos centros universitarios de Zamora e Bragança. O proxecto contará con ferramentas avanzadas de análises de datos, desenvolvidas xunto á Universidade de Vigo e a Fundación CTIC, para identificar sinais precoces e patróns asociados á fraxilidade. Toda a información incorporarase ao futuro Observatorio para una Longevidad Activa y con Sentido (OLAS), “a infraestrutura científica que transformará este coñecemento en intelixencia útil para a cidadanía e os sistemas públicos”, segundo indican desde o Cenie.

Durante as próximas semanas Iberlongeva abrirá o proceso de inscrición dirixido a persoas maiores de 60 anos residentes na provincia de Ourense que queiran participar. Cada participante recibirá unha avaliación individual e gratuíta da súa saúde e benestar, así como recomendacións personalizadas orientadas á prevención e a calidade de vida. A iniciativa arranca cos concellos de Celanova, Verea, Gomesende, Ramirás, Quintela de Leirado, A Merca, Cartelle e Pontedeva, que poñerán ao dispor das e dos seus veciños a oportunidade de participar. Porén, está aberta a outros municipios de Ourense. Estas accións súmanse ao calendario xa activo en Zamora e ao que se iniciará tamén no territorio portugués de Bragança. O traballo de campo está previsto entre xaneiro e abril de 2026, e os primeiros resultados presentaranse no segundo semestre do ano. 

O proxecto combina dous módulos principais: un módulo social, centrado en redes de apoio, vínculos e condicións de vida, e un módulo de saúde, que ofrece unha primeira fotografía física, funcional e emocional das e dos participantes. En fases posteriores incorporaranse avaliacións clínicas máis avanzadas con datos como forza, mobilidade, nutrición ou lucidez.