DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente e investigador do CIM Carlos Canchaya ofreceu hoxe un relatorio en liña

O panxenoma do 'Mytilus galloprovincialis' e o estudo xenético da súa microbiota, protagonistas dunha nova sesión de ‘Café con Sal’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 01/12/2020

No ano 2011, froito do esforzo conxunto de dous grupos de investigación da Universidade de Vigo, e do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, comezouse a secuenciar o seu xenoma nuclear do Mytilus  galloprovincialis, obténdose, seis anos despois, o primeiro borrador do xenoma de dous mexillóns femias. Posteriormente, os estudos de poboacións de mexillóns procedentes de Italia e España realizados permitiron coñecer o panxenoma do mexillón, que pola súa importancia social e económica en Galicia, e pola súa alta resistencia a factores bióticos e abióticos, fan desta especie un organismo modelo de moito interese para a investigación.

Carlos Canchaya investigador do grupo de Xenómica Comparativa do CIM, que participou na secuenciación do xenoma do Mytilus  galloprovincialis achegou este mediodía ao público asistente a unha nova sesión do ciclo de conferencias Café con Sal os últimos estudos sobre o xenoma desta especie, que revelan unha alta complexidade e un elevado número de xenes. Así mesmo, o investigador do CIM tamén abordou na súa charla, Genomics of Mytilus galloprovincialis and its microbiota, a relación entre a alta variabilidade xenética a nivel poboacional desta especie e a forte resistencia inmune fronte a patoloxías ou outros factores de estrés, presentado ademais algún dos traballos realizados na actualidade sobre o estudo xenético da microbiota do mexilón, que contribúe ao seu interese como organismo modelo e supón un caso de estudo da adaptación dos organismos ao seu hospedador. 

O mexillón (Mytilus  galloprovincialis) é un organismo moi resistente a diferentes  estreses  bióticos e abióticos, o cal suxire que posúe unha inmunidade innata eficaz que o fai menos susceptible a patoloxías ou mortes masivas, en comparación con outros bivalvos. Estas características, ademais da súa importancia social e económica en Galicia, fan do mexillón un organismo modelo de moito interese para a investigación.

Size matters, at least speaking about phytoplankton con Cristina Fernández na próxima sesion

As sesions de Café con Sal continuarán o vindeiro martes 15 de decembro coa intervención de Cristina Fernández investigadora predoutoral do Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM-UVigo, presentará o relatorio Size matters, at least speaking about phytoplankton.