DUVI

Diario da Universidade de Vigo

parque

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Pontevedra 26/03/2021

Co propósito de promover a práctica de actividade física e tamén un maior uso dos espazos exteriores do campus, a Vicerreitoría instalou a carón da Facultade de Fisioterapia un parque de calistenia, unha serie de equipamentos que permiten realizar diferentes exercicios a partires do traballo co propio peso corporal. O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o director da Área de Infraestruturas, José María Cancela, visitaron este venres este equipamento, dotado dunha serie de módulos colocados “de forma secuencial para que vaias traballando os grupos musculares do tren superior, do tren inferior e do tronco”, como explica Cancela. 

Segundo destaca o director da Área de Infraestruturas, o propósito deste equipamento é que estea ao servizo “non só da comunidade universitaria senón do conxunto da cidadanía”. De feito, sinalou Cancela, esta serie de módulos, que “permiten traballar os principais grupos musculares e mellorar a capacidade funcional”, están a ter xa “moito uso”, o que amosa a importancia, recalca, “de crear espazos públicos para o exercicio físico”. Así mesmo, “dentro do compromiso do Green Campus de intentar utilizar materiais sustentables”, optouse por un equipamento realizado en madeira para esta instalación, que se completará nas próximas semanas coa colocación da súa iluminación.

O campus como “espazo de convivencia”

Como lembra o vicerreitor, este equipamento súmase a outra serie de accións, como a renovación do mobiliario exterior ou a instalación dun embarcadoiro na contorna da Illas das Esculturas, que se insiren nunha política de humanización do campus. “Humanizar quere dicir que queremos que o campus teña vida, que sexa un espazo de convivencia, que a comunidade universitaria saia das facultades e poida gozar dun espazo que é único”, salientou Soto. Nese mesmo obxectivo de promover que tanto a comunidade universitaria como o conxunto da cidadanía faga un maior uso “dun espazo que é de todos” enmárcanse tamén outras actuacións como a instalación dunha marquesiña, coa que se busca tamén “fomentar o uso do transporte público”, a renovación do circuíto de cámaras de videovixilancia do campus  ou os cambios previstos en materia de iluminación exterior. Segundo explicou Cancela, procedeuse por unha banda á “sincronización” da iluminación perimetral de todos os centros, ao que se sumará a próxima colocación de luces led nos diferentes farois, co obxectivo de acadar así unha maior eficiencia enerxética. “Son pequenas cousas que imos engadindo e que van dando un pouco máis de contido á palabra campus”, concluíu Soto.