DUVI

Diario da Universidade de Vigo

patentes iacobus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 21/06/2022

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia - norte de Portugal lanza a segunda edición do programa Iacobus para Patentes, destinada a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de I+D+i mediante a concesión de axudas para peticións de patentes promovidas dende a eurorrexión.

O prazo de entrega de candidaturas finaliza o 28 de xullo e poderán presentarse á convocatoria as patentes realizadas conxuntamente entre, polo menos, un investigador dunha institución galega e outro dunha institución do norte de Portugal, e que fosen solicitadas entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 28 de xullo de 2022. Cada candidatura seleccionada optará a unha axuda financeira de 4000€, repartidos ao 50% entre as institucións dos dous candidatos.

A finalidade da AECT da eurorrexión Galicia – norte de Portugal con esta iniciativa é favorecer o grande esforzo de valorización económica necesario para a actividade innovadora de novos produtos ou servizos con aplicación industrial; estimular a protección internacional da tecnoloxía, así como fomentar a protección das invencións galegas e portuguesas a través de patentes; contribuír á mellora da competitividade das institucións na procura de mercados internacionais e impulsar a presenza da eurorrexión nas listaxes de pedidos de patentes internacionais, promovendo a súa notoriedade nas redes de atracción de capital risco de base tecnolóxica. 

Requisitos da convocatoria

Para participar, os candidatos deben ter contrato en vigor coa Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo, a Universidade do Porto, a Universidade do Minho, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro ou coa Universidade Católica Portuguesa – Centros Regionais do Porto e de Braga así como co Instituto Politécnico do Porto, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, o Instituto Politécnico de Bragança ou o Instituto Politécnico do Cávado e do Ave.    

As patentes ou solicitudes de patentes que queiran concorrer a esta convocatoria deberán ter, ou ben un certificado ou título de rexistro dunha patente europea ou internacional (vía PCT), presentada perante as oficinas nacionais de España ou Portugal ou oficinas rexionais de patentes, no marco de procedementos de concesión de patentes, e incluíndo polo menos ámbolos dous países no ámbito xeográfico de protección, con data de publicación entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 28 xullo de 2022; ou ben, deben ter solicitados os trámites de concesión dunha patente europea ou internacional (vía PCT) nas mesmas condicións e datas.

A solicitude de patente ou o certificado da patente concedida debe ter, cando menos, dous co-inventores, que presenten a candidatura ao programa Iacobus, un dunha institución galega e o outro dunha institución do norte de Portugal. No caso de existir máis co-inventores deberán autorizar a presentación de la candidatura.

En ningún caso serán obxecto de subvención as validacións de patentes europeas en España ou en Portugal, nin as entradas en fase nacional en España ou Portugal. Ademais, esta axuda económica é compatible con outros apoios, axudas ou incentivos procedentes de calquera das administracións ou entidades públicas ou privadas, nacionais, da UE ou de organismos internacionais.