DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous seminarios abriron este luns esta semana de actividades promovida por Esdemga

Patronaxe e ilustración abren Debut 2020

O programa formativo completarase cunha exposición no Museo de Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 23/11/2020

A situación sanitaria fixo imposible levar a cabo neste 2020 o desfile no que os novos egresados e egresadas de Esdemga presentan sobre a pasarela as coleccións que constitúen os seus proxectos de fin de estudos. Mais a covid-19 non impediu que este luns bótase a andar unha nova edición de Debut, unha semana de actividades que buscan tanto ampliar a formación do alumnado do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda como conectar aos novos titulados e tituladas co mundo profesional. Con ese dobre obxectivo, o programa de Debut 2020 arrincou este luns co inicio dun taller sobre moulage, unha técnica de patronaxe que leva a traballar directamente sobre o corpo ou o manequín, e coa primeira sesión dun seminario sobre ilustración de moda.

Padróns froito de “esculpir coas mans”

Unha serie de seminarios, tanto presenciais como virtuais, conforman a vertente formativa de Debut 2020, que na mañá deste luns púxose en marcha na Facultade de Belas Artes coa primeira sesión dun obradoiro sobre moulage a cargo do padronista, deseñador e docente José Carlos Herrera. “Traballar a patronaxe sobre o corpo” é a base desta técnica, que o fundador e docente do centro de moda MClass de Vitoria busca achegar ao alumnado nas tres xornadas deste taller, “cen por cen práctico”, como sinala. “O obxectivo do taller é ofrecer unha ferramenta máis de creación á patronaxe técnica, podendo con ela crear patróns de formas, drapeados e volumes que no plano serían practicamente imposibles”, salienta Herrera, que ao longo da súa traxectoria profesional traballou para firmas como Debota & Lomba, Pedro del Hierro ou Angel Schlesser.

Entre luns e mércores, as e os participantes neste obradoiro achegaranse de xeito práctico a unha “técnica indispensable para o proceso de creación”, xa que, traballar directamente, neste caso, sobre manequíns, permite construír “a prenda en 3D ao mesmo tempo que consegues o padrón definitivo”, permitindo así que, non momento de levalo ao plano, este xa “teña a forma desexada”, sinala Herrera. Nunha formación na que mestura os dous sistemas de traballo co moulage, alumnas e alumnos traballan con retor de algodón, “que en función da prenda deberá ter unhas características similares ao tecido final para ver máis claramente a estrutura ou movemento que pretendemos conseguir”, a través dunha serie de exercicios dirixidos a afondar nas principais características deste “traballo de esculpir coas mans”, como destaca este experto en moulage.

Teoría e práctica da ilustración de moda

Na tarde deste luns, arrinca tamén na facultade un taller sobre ilustración de moda impartido pola doutora en Belas Artes, ilustradora e ex-profesora de Esdemga Marta Riera. “O taller ten unha parte teórica, porque é importante que coñezan o traballo dos ilustradores, que o vexan tamén como unha opción para elas e eles, e que saiban que hai deseñadores, como Lacroix, que fan unhas ilustracións fantásticas”, salienta Riera. Con esa idea combinará neste workshop un achegamento teórico á historia da ilustración de moda e as súas especificidades, tema que centrou a súa tese de doutoramento, cunha serie de exercicios prácticos. Coa obxectivo de que poidan “adquirir destrezas e ferramentas que lles poidan servir para representar os seus proxectos”, Riera propón na sesión deste luns uns primeiro exercicio centrado en como representar peles con técnicas de debuxo e pintura, mentres que na sesión do martes chegará o momento de abordar a representación de estampados e patróns xeométricos. Xa o xoves, na última sesión, un último exercicio buscará introducir ao alumnado na realización “dun diario de campo, no que poidan gardar documentación e referentes de cara a iniciar un proxecto”. 

Esta serie de propostas veranse á súa vez complementadas pola presentación de exemplos de traballos realizados neste eido tanto por ilustradores e deseñadores profesionais, como por antigo alumnado de Esdemga, coa idea de que “vexan que é algo que se pode facer”, sinala Riera. No en van, engade, no ámbito da deseño de moda, “a ilustración é unha ferramenta interesante, que permite a representación dunha idea, e que logo poderán empregar no día a día do seu traballo”. 

Do presencial ao virtual

Xunto a estes dous talleres, o programa de Debut 2020 abrangue tamén a celebración do seminario online Introdución á base de datos de tendencias WGNS, que este martes impartirá Yvone Soteras, xunto cun taller, tamén virtual, sobre retoque fotográfico de moda, que o xoves correrá a cargo de Mariana Maglio, responsable da empresa White Retouch. Nesa mesma xornada, abrirase no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, a exposición Debut 2020. Edición limitada, que reúne unha selección dos proxectos realizados por alumnado de primeiro curso do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda.

As coleccións de fin de estudos das novas tituladas e titulados, que cada ano se estreaban no desfile do Pazo da Cultura, presentaranse nesta ocasión a través dunha peza en vídeo que Esdemga difundirá a través das redes sociais nesta semana. A programación pecharase o venres cunha edición virtual das Xornadas Técnicas de RRHH, na que os novos titulados e tituladas manterán unha serie de entrevistas con empresas do sector.