DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cifra de matriculados aumenta en 259 persoas respecto ao pasado ano

As PAU máis blindadas fronte á intelixencia artificial reúnen a 5.618 estudantes na UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 02/06/2026

Con nervios e moitos repasos de última hora, pero tamén cheos e cheas de ilusión. 5618 estudantes -259 máis ca no curso anterior- arrancaron este martes nos tres campus da Universidade de Vigo as PAU 2026, Probas de Acceso á Universidade, unha cita que este ano chega máis blindada que nunca ante o uso de dispositivos de Intelixencia Artificial (gafas, calculadoras, bolígrafos...) que permitan copiar nos exames, un eido no que Galicia xa era pioneira desde que en 2019 comezaran a empregarse detectores de frecuencia deseñados para detectar calquera tecnoloxía que implicase transmisión de datos.

Nesta ocasión, a medida reforzouse cun novo protocolo co que a Ciug, a Comisión Interuniversitaria Galega, órgano encargado da organización das PAU,  outorga ao profesorado das comisións delegadas a capacidade para inspeccionar, cando así o consideren, calquera destes dispositivos e, de detectarse o seu uso, proceder a expulsión inmediata do estudante das PAU.

En total examínanse en Galicia 13.441 estudantes. Por diante quédanlles tres intensos días de probas, xa que, ao igual ca o ano pasado, o exame de Lingua Galega e Literatura, non será ata o xoves, xornada que nos últimos anos se reservaba para materias optativas polo que moitos estudantes daban xa por finalizadas as probas no serán do mércores.

Máis de 3000 estudantes examínanse en Vigo

En Vigo examínanse 3026 estudantes, 2439 divididos polas diferentes escolas e facultades do campus e 587 nos dous centros da cidade -327 na Escola de Enxeñería Industrial e 260 na Facultade de Comercio-.

A actividade deixouse sentir no campus desde primeira hora da mañá coa chegada de autobuses e un incremento notable do nivel de ocupación nos aparcadoiros. Unha vez localizado o centro e a aula das probas, a maior parte dos estudantes volveron sacar os apuntamentos, “para un repasiño de última hora”. Vega Rodríguez e Itziar Odriozola, alumnas do instituto Las Acacias, admitían que foron semanas “moi intensas, cheas de nervios, pero tamén con moitas ganas”. As dúas teñen claro o que queren estudar: Vega, Publicidade e Relacións Públicas na Universidade de Vigo, e Itziar, Enfermaría en Pamplona. 

Un caso particular é o dos irmás xemelgos Noa e Heitor Álvarez Nieto, estudantes do IES Ricardo Mella, que, ademais de preparar xuntos as probas, decidiron estudar a mesma titulación, neste caso, o ciclo formativo de Técnico Superior en Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear, en Povisa. “Vimos a subir nota para asegurarnos a praza”. Igual de claro téñeno tamén os seus compañeiros de instituto:  Sara Casal,  que se decidiu por “Enxeñaría Mecánica na Universidade de Vigo”; Joaquín De Golder e Leornado Calderón, “Administración e Dirección de Empresas tamén aquí na UVigo”, mentres que Inés Martínez se decanta por Historia en Santiago de Compostela.

1363 no campus de Pontevedra

Un total de 1363 alumnos e alumnas realizan as probas no campus de Pontevedra, onde foron habilitadas tres comisións delegadas. Trátase de 77 mozos e mozas máis dos que realizaron estes exames nas facultades e escolas pontevedresas o pasado ano. Mais a cifra total de estudantes que realizan a antiga selectividade na cidade ascende este ano a 1494, representando o 11,1% dos matriculados e matriculadas no conxunto de Galicia. Nese senso, aos tres centros universitarios que acollen estas probas e ao CRE da Once súmase como sede da PAU en Pontevedra o Centro de Educación Permanente para Adultos Río Lérez, onde se examinan 119 estudantes.
 
Procedentes de 28 centros de ensino de 13 municipios, ata o campus chegaron alumnas como María Cabanelas e Nuria Rodríguez, procedentes do IES Johan Carballeira de Bueu, que se amosaban “máis tranquilas” tras realizar o primeiro exame. Ambas sinalaban que a proba “foi fácil”, coa excepción “do comentario de texto, que foi complicado”, xa que tiñan que traballar “cun texto moi filosófico para ser un exame de lingua”. Ao mesmo tempo, coincidían tamén en que a PAU “é algo que é necesario facer, aínda que é duro”, como apuntaba Domínguez, quen agarda poder iniciar o vindeiro curso o Grao en Enfermaría na Universidade de Vigo, “se pode ser en Vigo, ou se non en Pontevedra”. Rodríguez, pola súa banda, recoñecía non ter “aínda moi claro” que titulación lle gustaría iniciar o vindeiro curso, prevendo que optará por “algunha enxeñaría”.

1229 no campus de Ourense 

Polo que respecta a Ourense, nesta PAU 2026 examínanse na provincia un total de 1363 rapazas e rapaces (116 máis que o pasado ano), cifra que supón un 10,14% do total de alumnado que se presenta en Galicia a estas probas. Deles, 1229 estudantes (105 máis que en 2025) realizan os seus exames nas instalacións universitarias do campus de Ourense, concretamente nos edificios de Ferro, Politécnico e Xurídico-Empresarial. A esta cifra súmanse os 134 que fan as probas no IES Cosme López Rodríguez da Rúa. 

No Edificio de Ferro estaban examinándose este martes Brais Manso e Lola Rodríguez, amigos e compañeiros do IES Ramón Otero Pedrayo, da cidade de Ourense. Os dous saíron con boas impresións do primeiro exame, o de Lingua Castelá e Literatura II. “Non foi tan complicado como pensaba, caeron cousas que me esperaba”, comentou Brais. “Eu ía bastante tranquila. Díxenme: non pasa nada se suspendo, hai máis oportunidades, e iso axudoume moito a tranquilizarme e a arrancar”, sinalou pola súa parte Lola. Con estes exames culmina un curso no que, apuntou Brais, “foron moitas horas as dedicadas a estudar, horas que che sacan de facer moitas cousas que che gustan facer, como a túa vida social”. Porén, engadiu Lola, “ao final o esforzo ten a súa recompensa e agora en dous días xa poderemos facer o que queiramos, e coa satisfacción de térmonos esforzado durante todo o curso”. O seu desexo é estudar no campus de Ourense, el Dereito ou Educación Social e ela Educación Infantil, Primaria ou Social. 

Aumento progresivo das medidas de atención á diversidade

Sen incidencias relevantes detectadas nestas primeiras horas, tal e como explicou o presidente da Ciug, o profesor da Universidade de Vigo Iván Area, a PAU deste 2026 caracterizáse tamén polo aumento do número de estudantes participantes. Nunha comparecencia ante os medios no Centro de Recursos Educativos (CRE) da Once en Pontevedra, Area subliñou que este “será o último ano” de incremento no número de matriculados e matriculadas, dado o descenso no número de nacementos rexistrados en Galicia nos últimos anos, unha diminución que ascenderá ata un 43% dentro de 18 anos.
 
Na súa intervención no CRE, onde realizan estas probas doce estudantes con discapacidade ou necesidades especiais, Area salientou como outra das novidades desta edición a confirmación do aumento progresivo que vén producíndose nos últimos anos no número de estudantes que precisan medidas de atención á diversidade. Neste caso, a cifra sitúase nos 625 alumnos e alumnas, 143 máis ca en 2025, pero 400 máis ca en 2021.
 
Para dispor destas adaptacións nas probas, explicou, desde o pasado ano é preciso “que estudantado tivese medidas de atención á diversidade en toda a etapa educativa anterior”, ben fose bacharelato ou ciclo formativo. Nese senso, Area recalcou a importancia de que nestas etapas formativas “se teña en conta a diversidade, para atender como é debido” ao estudantado, mais tamén que isto é “algo fundamental en todas as etapas educativas, comezando desde infantil”. A ampliación de 30 minutos do tempo de cada exame, o aumento do tamaño de letra nos enunciados, criterios específicos de corrección por dislexia ou a lectura para a compresión do exame son algunhas das medidas de atención á diversidade coas que contan, segundo as súas necesidades, estes 625 alumnos e alumnas.
 
Na súa intervención no CRE, Area puxo tamén de relevo “que Galicia pode e debe estar orgullosa do seu modelo de acceso e admisión á universidade”. O delegado da UVigo na CIUG e presidente desta comisión lembrou que se trata dun modelo que “está na vangarda e é un referente sólido e valorado en todo o estado”, resultado de ·décadas de traballo rigoroso e continuo”. Neste punto, lembrou que a CIUG “foi pioneira no desenvolvemento de modelos de exame con preguntas competenciais e no uso de medidas de seguimento para evitar a fraude”, mais tamén en materia de admisión, “coa proposta de estandarizar as notas ou, máis recentemente, coa proposta de aplicar percentís para a admisión”. Estas medidas teñen como obxectivo “garantir a igualdade de oportunidades”, subliñou Area, quen destacou o papel da Ciug, que “cremos que debe seguir liderando este modelo de acceso e admisión”. .

Cualificacións provisionais o 11 de xuño

As cualificacións provisionais das PAU estarán dispoñibles na web da Ciug o 11 de xuño, mentres que as definitivas faranse públicas o sábado 18.