DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun novo programa promovido pola Área de Benestar, Saúde e Deporte

'Pausas activas' contra o estrés, o sedentarismo e a fatiga

A comunidade universitaria participa desde hoxe nunha serie de xornadas de 15 minutos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
Rebeca López Villar DUVI 12/05/2021

O estrés, a fatiga, as molestias na vista e os trastornos óseos e musculares son só algúns dos efectos físicos das longas xornadas de traballo e estudo, que tamén diminúen o rendemento académico e laboral. Sabedores dos beneficios dos descansos, desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte acaban de lanzar o programa Pausas activas, que arrancou hoxe no campus de Vigo e que consiste na realización de descansos breves, sobre 15 minutos, para estirar os músculos e corrixir as malas posturas. 

Neste contexto, as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría de Minas e Enerxía; as facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química e a Biblioteca Central acolleron esta mañá a primeira destas xornadas deportivas. Entre as 11 e as 13 horas, un monitor achegouse a estes centros para dirixir as sesións de exercicios e técnicas variadas.  O programa continuará os mércores 19 e 26 de maio e está aberto a todas as persoas interesadas, sen necesidade de inscrición previa.

Unha idea que xurdiu no confinamento 

Coa declaración do estado de alarma en marzo de 2020 e a chegada do traballo a distancia, a Área de Benestar, Saúde e Deporte decidiu lanzar unha serie de actividades destinadas a mellorar a saúde da comunidade universitaria durante o confinamento. Unha destas iniciativas foi a retransmisión en directo, a través das redes sociais, de distintos exercicios que as persoas interesadas podían realizar na súa casa.

Xabier Rial, director técnico da área, sostén que sempre tiveron en conta a posibilidade de realizar esta clase de actividades en formato presencial, sobre todo desde a aparición da covid-19 e o auxe do teletraballo. Agora, coa mellora da situación sociosanitaria, consideraron que era o momento de probar e valorar a resposta e o interese da comunidade universitaria, “primeiro só no campus vigués, de xeito experimental”. 

Para a elección dos puntos de encontro onde se desenvolven os exercicios, a organización colaborou cos responsables covid de cada edificio do campus para promocionar e idear as actividades respectando todas as medidas establecidas: distancia de seguridade interpersoal, preferencia por espazos abertos e uso de máscara durante toda a sesión.

Entusiasmo entre as persoas participantes

Na xornada inaugural, os centros tiveron unha participación media de dez persoas, entre as que se observaron opinións moi positivas. No acceso á Biblioteca Central, o técnico encargado dirixiu a un grupo de oito traballadoras, que ao final da sesión compartiron a boa valoración do exercicio realizado. Así mesmo, as usuarias destacaron a necesidade de implementar este tipo de iniciativas para mellorar o seu rendemento profesional e, sobre todo, a súa condición física. 

Despois de traballar en exercicios enfocados no estiramento das costas e na mobilidade de pescozo, ombreiros, brazos, cóbados e cadeira, todas as usuarias recoñeceron que tiñan os músculos máis relaxados e que regresaban con máis ánimo e folgos ao lugar de traballo. Neste senso, esperan continuar co programa este mes de maio e amósanse interesadas en participar noutras posibles actividades no futuro.