DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Traballadores en activo e xubilados participaron este mediodía nun acto na escola 

PDI e PAS da EU de Estudos Empresariais celebra en familia o centenario do centro

Nunha celebración íntima tamén se homenaxeou ás persoas que a dirixiron

Etiquetas
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 22/07/2021

Persoal docente e investigador (PDI) e persoal de administración e servizos (PAS) foron este mediodía os protagonistas dun novo acto co que a Escola Universitaria de Estudos Empresariais da UVigo está a celebrar o centenario da súa creación. As e os traballadores en activo e xubilados recibiron da man da directora do centro, Consuelo Currás, un pin conmemorativo dos 100 anos de existencia da escola, así como dun exemplar do libro El arte de vivir 100 años. De Escuela de Comercio a Empresariales, escrito pola profesora Mª del Pilar López Vidal. O acto celebrado no exterior do centro, rematou cunha homenaxe ás persoas que ao longo do seu primeiro século de existencia o dirixiron.

“Xuntámonos PDI e PAS ao aire libre, na explanada de entrada para compartir un momento xuntos antes de rematar o curso académico nun evento íntimo e moi sinxelo, no que aproveitamos para facerlles entrega dun pin e do libro de Pilar López Vidal recentemente publicado, e tamén para recoñecer ás persoas que dirixiron a Escola”, detalla Araceli González Crespán, subdirectora de Relacións Internacionais e Intercambios.

Un curso de celebración do centenario 

O acto celebrado este mediodía dá continuidade aos que ao longo deste curso se organizaron na Escola para conmemorar os seus 100 anos de existencia e que arrancaron no mes de xaneiro deste ano cun claustro que rememorou o primeiro que tivo lugar no centro o 15 de xaneiro de 1921. Un concurso fotográfico que premiou ás mellores instantáneas que resumían nunha ollada a relación entre o centro e a cidade, e a presentación do libro que sobre o primeiro século de vida da Escola escribiu Mª del Pilar López Vidal, foron os eventos máis destacados da celebración do centenario da Escola Universitaria de Estudos Empresariais da UVigo.