DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar o xoves 23, no Teatro Principal, con entrada gratuíta previa recollida dunha invitación

Pepe Vaamonde Grupo protagonizará o Concerto de Primavera do campus 

Coa participación tamén da Aula Permanente de Música Tradicional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 17/03/2023

Un percorrido polos seus máis de 20 anos de traxectoria e os seus catro traballos discográficos. Isto é o que propón Pepe Vaamonde Grupo co seu espectáculo O mellor dos catro Elementos, que o vindeiro xoves 23 centrará o Concerto de Primavera da Vicerreitoría do campus. Organizado coa colaboración do Concello de Pontevedra, terá lugar ás 21.00 horas no Teatro Principal e contará con entrada gratuíta, previa recollida dunha invitación nas conserxerías das diferentes facultades e escolas e da Casa das Campás. Ademais desta banda de folk, a actuación contará tamén coa participación das e dos integrantes da Aula Permanente de Música Tradicional do campus e da cantareira pontevedresa María Vidal.

Como lembra o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, este Concerto de Primavera insírese “nas actividades de extensión universitaria que se ofrecen ao conxunto da cidadanía” e á súa vez constitúe “un acicate” para as persoas que participan na aula permanente, “xa que ter a posibilidade de tocar con grupos de renome sempre supón un aliciente”. Nese senso, boa parte das persoas participantes nunha actividade formativa que reúne neste curso 46 persoas abrirán e pecharán este recital xunto á formación que encabeza o compositor, gaiteiro e frautista Pepe Vaamonde.  

Un percorrido pola historia da banda e a estrea de novas pezas

Conformada por Vaamonde, o guitarrista Pipo Alvariño, o baixista Jesús Vidal, o percusionista Miguel Anxo López e a acordeonista Miryam González, Pepe Baamonde Grupo desenvolveu ao longo das últimas dúas décadas un proxecto artístico baseado en “creacións propias e nunha visión persoal da música do país”, que se viu reflectido nos catro traballos discográficos que centrarán este concerto. Como explica Vaamonde, a formación estreou hai dous anos un espectáculo dirixido a percorrer os seus 20 anos de traxectoria, tomando como punto de partida “a idea inicial de cada disco xogase cos catro elementos da natureza”. Así, O mellor dos catro Elementos permitirá escoitar tanto pezas instrumentais de composición propia como cancións tradicionais, que a banda recolleu en Aviouga (2002), Onde nace o vento (2005), Introterra (2009) e Nas Pedras do Lar (2015), catro discos que xiran, respectivamente, en torno á auga, o vento, a terra e o lume. “Tocaremos temas destes catro traballos e haberá tamén algunha novidade”, apunta Vaamonde, que adianta que a formación estreará no Teatro Principal “un par de temas novos que formarán parte do seguinte disco”. 

Ademais, o concerto contará coa participación da cantante María Vidal, que interpretará xunto a Pipo Alvariño e Miryam González algunha das pezas que estes tres músicos recolleron no seu disco As Cantigas de Elena. Ao escenario do Teatro Principal subirán así mesmo as e os integrantes de Aula Permanente de Música Tradicional. En primeiro termo, o seu grupo de gaitas e percusión, integrado por máis de 30 persoas, unirase a Pepe Vaamonde Grupo para a primeira e última canción do recital. Nun segundo formato, unha vintena de integrantes da aula acompañará a María Vidal na interpretación da Xota de Vilar coas súas zanfonas, acordeóns, pandeiretas e ocarinas. “Para o alumnado, esta é unha das principais motivacións para seguir aprendendo”, salienta o responsable desta aula, o músico Suso Vaamonde, respecto participación dos alumnos e alumnas nestes concertos de primavera. Non en van, lembra, trátase "de xente non profesional, que vén ao campus a realizar unha actividade lúdica, pero o nivel que van acadando ano tras ano permítenos ir colaborando con grupos profesionais”. De feito, tras este concerto, a aula protagonizará de novo no mes de xuño un ciclo de concertos nas rúas de Pontevedra, acompañados por diferentes agrupacións.

Recollida de invitacións

Como explica Torres, desde este luns 20, as persoas interesadas en acudir este concerto poderán recoller as súas entradas nas conserxerías nas diferentes facultades e escolas do campus, en horario de mañá e tarde, así como na sede da Vicerreitoría. No caso dos centros, estas invitacións estarán dispoñibles entre luns e mércores, mais poderán recollerse na Casa das Campás ata as 21.00 horas do xoves, agás que se complete previamente a capacidade da sala.