DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo Club Escualos

A piscina universitaria acollerá o 27 de decembro o 4º Festival de Natación Campus Auga

Recolleranse doazóns de produtos non perecedoiros para o Banco de Alimentos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 18/12/2025

A piscina universitaria do campus de Ourense, BeOne As Lagoas, será escenario o vindeiro sábado 27 de decembro do 4º Festival de Natación Campus Auga. O certame está organizado polo Club Natación Escualos contando co apoio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. 

Aínda que aberta á participación de todas as persoas interesadas, a cita está especialmente dirixida a fomentar a participación da comunidade universitaria neste deporte. Tendo en conta as datas de Nadal na que nos atopamos, o 4º Festival de Natación Campus Auga terá un carácter solidario. Así, para poder participar non hai que pagar inscrición pero hai que levar o día da competición alimentos non perecedoiros que serán doados ao Banco de Alimentos de Ourense. A inscrición realizarase antes das 23.59 horas do 23 de decembro, cun límite de 100 prazas dispoñibles.

A competición consta de catro probas individuais e unha proba de relevos fóra dos premios: 50 m libres, 50 m braza, 50 m costas e 50 m bolboreta. Haberá categorías sénior, máster e universitario. Cada persoa poderá participar en todas as probas que desexe. A clasificación determinarase sumando os tempos das catro probas. Haberá medallas para os tres primeiros clasificados masculinos e femininas de cada categoría e un vale para o gañador ou gañadora en cada categoría. Non faltará algún sorteo e agasallos para as persoas participantes.

Fomentar a solidariedade e a saúde

O certame foi presentado este xoves no campus de Ourense polo vicerreitor, Francisco Javier Rodríguez, e Fernando Troncoso, presidente do club organizador, estando tamén membros Escualos, entre eles Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo. O vicerreitor destacou o carácter solidario desta cita e a súa aposta polo fomento do deporte. Neste senso sinalou que desde a Universidade se traballa para “fomentar os hábitos saudables no noso alumnado” e animou a este colectivo a achegarse a deportes “máis alá do fútbol” como é neste caso a natación, da que destacou o seu carácter incluso e o feito de que “é un deporte moi completo”. Pola súa banda, Fernando Troncoso subliñou do festival o feito de que “é unha actividade participativa, do que se trata é de que veña xente a facer deporte ese día”. Lembrando que este ano o Club Natación Escualos celebra os seus dez anos de existencia, tivo tamén palabras de agradecemento á Universidade de Vigo, “que sempre nos apoiou no noso camiño”.