DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha reunión mantida este xoves na sede do órgano municipal

A Plataforma Pro Campus traslada ao alcalde de Ourense a reivindicación do Grao de Intelixencia Artificial

Entre os puntos fortes da petición apunta a traxectoria da Escola Superior de Enxeñaría Informática

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 18/03/2021

Este xoves Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, recibiu aos membros da Plataforma Pro Campus Jacobo Troncoso e Claudio Cerdeiriña para “adoptar unha posición común na defensa da implantación do Grao de Intelixencia Artificial no campus de Ourense, unha titulación moi apetecida por todos os campus galegos”, segundo indican en nota de prensa desde o órgano municipal.

A Plataforma Pro Campus, sinalan desde o concello, trasladou ao alcalde que consideran que Ourense conta con varios puntos fortes que a sitúan nun bo lugar para que sexa o lugar elixido para esta titulación. Entre eses puntos fortes destacan que “foi a Escola Superior de Enxeñaría Informática a primeira en mostrar o seu interese formalmente, fai xusto un ano, por esta titulación; contan unha experiencia de máis de 30 anos en estudos de Enxeñaría Informática; o perfil tecnolóxico encaixa moi ben coa Universidade de Vigo, enfocada no eido da tecnoloxía, e por último, a implantación desta titulación harmonizaría en Ourense as políticas académicas coas de outras administracións, entre as que destaca o Centro de Intelixencia artificial promovido polo Concello de Ourense”. Ante a apertura das negociacións para o novo mapa de titulacións, o alcalde apuntou como “interésanos moitísimo reclamar que o Grao de Intelixencia Artificial veña para o campus de Ourense” e sinalou como agarda que polo menos unha das titulacións que está previsto que se implanten sexa para este campus.