DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores da UVigo e da USC publican un artigo que avalía o influxo da covid-19 no sector

A poboación galega incrementou o consumo de produtos do mar frescos e en conserva durante a pandemia 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 05/10/2021

Durante a pandemia por mor da covid-19, rexistrouse un cambio no comportamento de consumo da poboación galega, que aumentou de xeito significativo o gasto en produtos do mar frescos e en conservas durante o primeiro confinamento. Esta é a conclusión principal á que chegaron científicos da USC e da UVigo nun estudo publicado na revista Frontiers in Marine Science e cuxo primeiro asinante é o profesor da USC Sebastián Villasante. Xunto a Villasante, tamén son autores do traballo, o docente e investigador da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e do grupo Ecobas da UVigo José María Da-Rocha Álvarez, e os tamén profesores da USC Ana Tubío, Gillian Ainsworth, Pablo Pita e Manuel Antelo. 

O artigo Rapid assessment of the COVID-19 impacts on the Galician (NW Spain) seafood sector constitúe unha avaliación do influxo da covid-19 no sector dos produtos do mar de Galicia. Os autores e autoras centráronse non só nos impactos inmediatos no sector da pesca extractiva, senón tamén na capacidade da acuicultura e as conserveiras para abastecer os mercados de produtos do mar antes e durante a pandemia. Para levar a cabo este obxectivo, sintetizáronse múltiples fontes de información de toda a cadea de subministros de produtos do mar para evidenciar, por unha banda, as primeiras respostas do sector, e por outra, as variables de recuperación antes (durante o período 2015-2019) e durante a pandemia (2020). 

“Galicia constitúe unha das rexións marítimas máis importantes do mundo”, explica o profesor Villasante. “Os resultados do estudo poñen de manifesto como o comercio de produtos do mar viuse perturbado polos cambios bruscos tanto na demanda e a oferta, como nas limitacións no movemento de persoas e mercadorías, cunha ampla gama de impactos e consecuencias para o sector dos produtos do mar”, engade. 

Actuación colectiva

Segundo o estudo, en 2020 constatouse un importante descenso no relativo aos desembarcos (-18% en volume e -14% en valor), á produción da acuicultura galega (-11% en volume e -12% en valor), ás importacións (-10% en volume e -11% en valor) e ás exportacións (-19% en volume e -16% en valor) de produtos do mar frescos, vivos e conxelados. Pola contra, a produción de conservas (+2% en volume e +10% en valor), así como as importacións (+10 e +6%, respectivamente) e exportacións (+17 e +26%, respectivamente) de produtos do mar preparados e en conserva rexistrou unha tendencia crecente durante a pandemia. 

“A proximidade aos mercados, o investimento en cadeas de subministro nacionais ou próximas e o desenvolvemento de novas innovacións tecnolóxicas contribuíron a evitar a escaseza de alimentos e a perda de medios de vida en Galicia”, continúa o profesor Villasante. Os pescadores e as empresas pesqueiras tamén “actuaron colectivamente para reafirmar os seus dereitos e proporcionar produtos do mar esenciais e de alta calidade á poboación galega”, conclúe o investigador.