DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase os días 24 e 25 de setembro e incorporará un novo espazo virtual

O Pont-Up Store abre un prazo extraordinario para empresas nacidas durante a pandemia

Para cubrir as oito vacantes derivadas do cambio de datas ao que obrigou a covid-19

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 21/06/2021

A covid-19 impediu o pasado ano que o Pont-Up Store, o encontro do emprendemento que a Universidade de Vigo promove co Concellaría de Promoción Económica como patrocinador principal, desenvolvese o seu programa de actividades presenciais, entre as que figuraba a instalación na praza de España dunha carpa na que 36 novas empresas galegas ían dar a coñecer os seus produtos e servizos. Finalmente, poderán facelo os días 24 e 25 de setembro, nunha nova edición do evento que coordina o grupo de investigación G4+, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e que traerá consigo unha serie de novidades, como a posta en marcha do espazo virtual dixital_pontup. Mais este adiamento provocou que oito das 36 empresas seleccionadas en 2020 para os postos que se instalarán no recinto non poidan estar presentes nesta nova edición, o que levou a organización a abrir unha convocatoria extraordinaria especialmente dirixida ás persoas emprendedoras que puxeron en marcha os seus proxectos durante a pandemia.

O novo prazo de presentación de candidaturas, dirixido a cubrir estas oito vacantes, estará aberto entre o 28 de xuño e o 4 de xullo e, tal e como precisa a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, tamén estará dirixido a todos aqueles proxectos “que xa participaron en pasadas edicións do evento e que presenten unha innovación destacable que lles permitira afrontar con éxito a situación xerada pola covid-19”. Á espera de que a situación sanitaria si permita neste 2021 a presenza dos postos expositores na praza de España, a concelleira adiantou que en setembro desenvolveranse aquelas actividades que o pasado ano non foi posible levar a cabo en formato virtual, “entre as que se inclúen as de economía social, economía circular, rastrexos, gaming, internacionalización...”

Stands interactivos na nova plataforma virtual

Organizado polo grupo G4+, baixo a coordinación do profesor Pedro Figueroa, co patrocinio da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, a Concellería de Promoción Económica e a Deputación de Pontevedra, Pont-Up Store retornará en setembro con novidades como a plataforma dixital_pontup, á que o Concello destinou a achega de 6000 euros. Trátase, como anunciou Blanco, dun “espazo virtual interactivo, co deseño dun aplicativo que permitirá a organización de diferentes eventos e actividades vencelladas co novo emprendemento”. 

Esta nova plataforma, explica Figueroa, permitirá “contar cunha programación propia durante todo o ano para a realización de foros, xuntanzas, intercambios de experiencias ou actividades sectoriais dedicadas ao novo emprendemento”, así como a integración “dunha zona de exposicións destinada a navegar por stands virtuais e interactivos, que conterán os proxectos seleccionados na edición”. Deste xeito, a plataforma permitirá visualizar unha “recreación dixital en 3D da súa tenda", contactar por videochamada cos emprendedores e emprendedoras ou efectuar compras, o que contribuirá á incrementar a difusión dos proxectos e “aumentar o impacto do evento explorando novas vías de difusión dixital”. Tamén está previsto que este espazo virtual integre unha zona para presentar os relatorios, mesas redondas e outras actividades grupais que formen parte do programa do evento, así como outras que poderían desenvolverse ao longo do ano e que estean dedicadas a sectores concretos. 

Como engade o director do Pont-Up Store e integrante de Ecobas, “este novo proxecto xa está totalmente definido tecnoloxicamente e en fase de desenvolvemento” coa idea de “poder testalo” coincidindo coa nova edición do evento. Segundo destaca Figueroa, “esta ferramenta permitirá á cidade de Pontevedra e ao Campus Crea posicionarse como líderes na organización de eventos dixitais en xeral e nos relacionados co mundo do emprendemento en particular”. 

Impulso dunha asociación

Outra das novidades do Pont-Up Store neste 2021, como informou o Concello, será a constitución nos vindeiros meses da Asociación para o Emprendemento e Innovación: Pont-Up Store, que se presentará nas datas de celebración do evento. Os obxectivos deste colectivo son aproveitar a experiencia e os valores promovidos por este encontro ao longo das súas oito edicións, garantir a súa continuidade e apoiar tanto aos novos proxectos emprendedores como a toda a comunidade de participantes, constituída por preto de 300 iniciativas empresariais de toda Galicia. “A asociación nace cun espírito de colaboración e complementariedade con outras organizacións de apoio ao emprendemento”, destaca Figueroa.