O encontro do emprendemento desenvolverá a súa 13ª edición o 11 e 12 de setembro
Pont-Up Store busca potenciar o investimento en novas empresas
Cunha “rolda de financiamento” na que estarían dispoñibles preto de 100 millóns
Pont-Up Store abría este mércores o prazo de presentación de candidaturas para participar na décimo terceira edición dun evento que, o 11 e 12 de setembro, converterá Pontevedra “no grande escaparate do emprendemento galego”, como salientan desde a organización. Promovido pola Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, trátase dun encontro organizado pola Asociación para o Emprendementoe a Innovación Pont-Up Store, co apoio do Concello de Pontevedra, como patrocinador principal, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e máis de 40 entidades públicas e privadas. Centrado en iniciativas empresariais con menos de tres anos e medio de traxectoria, entre as novidades da que definen como a súa “edición máis ambiciosa” figura a “rolda de financiamento” da súa modalidade Pont-Up Venture, no que os oito proxectos seleccionados presentarán os seus modelos de negocio a un xurado integrado por representantes de entidades e institucións que poderían “investir máis de100 millóns de euros” nos proxectos presentados.
Así o anunciaba o director deste evento, Pedro Figueroa, na presentación levada a cabo no Concello de Pontevedra, na que participaron a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández. Coincidindo coa apertura dunha convocatoria dirixida a captar algunhas das iniciativas máis innovadoras e con maior potencial do país, esta presentación permitiu pór de relevo a colaboración entre diferentes institucións no impulso dun evento que permite dar visibilidade a proxectos de emprendemento de toda Galicia, como salientaron as e os participantes neste acto.
Pont-Up Store, lembrou Lantarón, naceu como “unha iniciativa universitaria, impulsada polo grupo de investigación G4 Plus” que Figueroa dirixiu ata a súa xubilación. Xestionado actualmente pola asociación Pont-Up Store, a UVigo mantén trece anos despois “o seu compromiso fundacional como promotora” deste encontro a través dun convenio de colaboración, salientou a vicerreitora, incidindo en que entre as misións da Universidade atópase tamén asegurar que “o talento, a innovación e coñecemento científico se transfiran á sociedade e xeren un impacto real”. Nese propósito, Pont-Up Store é “a mellor plataforma de lanzamento e promoción”, concluíu Lantarón, que incidiu en que varios dos obxectivos desta edición alíñanse cos valores da institución académica. Nomeadamente, destacou o propósito da organización de incrementar a participación de proxectos de base tecnolóxica, de impulsar “o talento que transforma o noso medio rural e as pequenas vilas” e de manter a “fantástica porcentaxe do 70% de iniciativas lideradas por mulleres que se logrou en edicións anteriores”. Do mesmo xeito, engadiu, Pont-Up Store é tamén o “escenario natural para dar visibilidade” aos proxectos de emprendemento da comunidade universitaria, con iniciativas como o Demo Day “da nosa incubadora de proxectos, o progama Incuvi”.
Tres modalidades de participación
Dirixido a empresas de nova creación, ata o 3 de xullo permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas para optar, de xeito gratuíto, a algunha das tres modalidades de participación neste encontro. Nomeadamente, as de contar cun espazo gratuíto na carpa da praza de España no que presentar os seus produtos e servizos, a de desenvolver actividades demostrativas dentro da programación do evento ou a de ser unha das oito seleccionadas para presentar os proxectos no Pont-Up Venture, ante un xurado composto por profesionais do investimento e a innovación empresarial.
Como explicou Figueroa, esta modalidade será unha das principais apostas dun evento que busca ser “porta de captación do novo talento”. Centrado en emprendementos de base tecnolóxica, Pont-Up Store contará coa presenza de “importantes investidores”, con capacidade de destinar ata 100 millóns de euros no seu conxunto “se hai as propostas e proxectos adecuados”. O xurado desta edición está integrado por Carolina Rodríguez, conselleira delegada da Empresa Nacional de Innovación (Enisa); Luis Taboada, CEO de Tales Venture; Carmen Pumariño, directora de investimentos de Zubi Capital; Jorge González, director de participadas de Netacced; e Alberto Cochón, impulsor de Alo Ventures.
O obxectivo da organización, apuntou Figueroa, é alcanzar as 150 candidaturas, buscando tanto potenciar “a incorporación do emprendemento tecnolóxico”, como que o 50% das propostas procedan do rural e das vilas. Destas, seleccionaranse preto de 40 iniciativas para participar nesta nova edición dun evento no que participaron, ao longo da súa traxectoria, preto de 500 emprendedores e emprendedoras, das que preto do 80%, explicou, continúan activas.
Optimización de procesos con intelixencia artificial
No referido á programación que completará o evento, esta edición xirará arredor da formación para a optimización de procesos con intelixencia artificial, o desenvolvemento de marca e as novas oportunidades de promoción e comercialización, a promoción do emprendemento liderado por mulleres e as iniciativas relacionadas co próximo Xacobeo. Así mesmo, tamén se desenvolverán actividades ligadas á economía social, en colaboración con Espazo Coop.
