DUVI

Diario da Universidade de Vigo

pontesan

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Pontevedra 17/09/2021

Benestar emocional, alimentación e saudable, como os tres piares dunha vida sa, son tamén os eixos da II Feira da Saúde e o Benestar PonteSán, unha iniciativa impulsada pola Concellaría de Deportes, Actividade Física e Saúde do Concello de Pontevedra, coa colaboración da Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Máis de 30 asociacións e entidades sociosanitarias participan ao longo desta semana nunha actividade que ten como epicentro a carpa instalada na Praza de España, inaugurada no mediodía deste venres nun acto no que o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, estivo acompañado polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o deputado provincial Gregorio Agís.

Pese a que a carpa será nos próximos días o “epicentro” desta feira, a súa programación arrancou xa o pasado mércores na sede da Vicerreitoría, sede dunhas xornadas técnicas que se abriron ademais cos relatorios das profesoras da Facultade de Fisioterapia Iria da Cuña e Iris Machado sobre o chan pelviano e o uso terapéutico do pilates. Como un “evento marabilloso” definiu o vicerreitor do campus unha iniciativa que pon de relevo o papel “da xente que está traballando para os demais e para que a xente lles rodea teña un mundo mellor", en alusión ao labor das diferentes asociacións e entidades participantes nesta iniciativa. "Facía falta un evento sobre a saúde, un evento no que se recoñeza e se lle dea visibilidade a moitas asociacións que están traballando día a día e con moitos problemas", engadiu Jorge Soto.