O estudante de Comunicación Audiovisual Nel González é un dos galardoados no festival eMove
Premian unha “comedia western” que cuestiona a masculinidade nun festival internacional
O seu traballo suma xa 22 seleccións en festivais
Como “unha comedia western que critica a masculinidade clásica” presenta o estudante da Facultade de Comunicación Nel González a súa curtametraxe Todo dicho, que vén de converterse nunha das premiadas na décima edición do Festival Internacional Escolar e Universitario das Artes Audiovisuais eMove. Alumno do grao en Comunicación Audiovisual, González foi un dos premiados na categoría de curtametraxes de ficción realizados por universitarios e universitarias nun festival dirixido a recoñecer proxectos audiovisuais realizados por estudantes de todos os niveis educativos e que celebrará a súa gala de entrega de premios o sábado 22 de novembro no Palau da Música de Valencia.
“A verdade é que estou moi agradecido por este premio, xa que o recoñecemento ao traballo sempre é unha grande alegría”, recoñece este alumno do premio acadado nun festival que conta co apoio de entidades como RTVE. González deu forma a Todo dicho como unha iniciativa persoal, “como unha escusa para poder aprender máis durante o audiovisual durante o verán”. Tras ver O bo, o feo e o malo de Sergio Leone, que, como lembra, rodou a súa última escena en Burgos, González deuse conta de que a vila de León onde pasa os veráns “ten unha paisaxe similar” e esta curiosidade converteuse no xerme da curta. Formulada como unha “crítica á masculinidade clásica”, González parte do xénero do western para dar forma a unha parodia da “actitude do cowboy arquetípico”, nunha curta que articulou como un falso documental, no que “dous singulares vaqueiros son entrevistados por separado”, antes do seu enfrontamento.
O premio outorgado por este certame súmase ás 22 seleccións en festivais que Todo dicho acumula a día de hoxe, “principalmente en festivais nacionais, pero tamén chegou a Guatemala, Inglaterra, India e Colombia”, sinala.
Participación no Foro de Deseño
O talento que se forma na Facultade de Comunicación é tamén protagonista no Foro de Deseño (Feed), que promove deste este venres na Cidade da Cultura a Asociación Galega de Deseño (Dag). Na súa primeira xornada, este evento estrea unha sección especial fóra de programa, orientada aos centros de ensino superior, na que estudantes de diferentes institucións presentan os seus proxectos no marco dun evento que ten como obxectivo establecer un espazo o que profesionais e estudantes poidan compartir experiencias. Un dos seis seleccionados para este encontro é o egresado do Máster de Dirección de Arte en Publicidade Ángel García, quen presentará un proxecto desenvolvido para unha materia impartida por Tania Sueiro. Partindo dun exercicio no que debían maquetar un libro de receitas, García Yáñez deu forma ao proxecto Macarróns con tomate. Máis difícil do que parece, que se rematou convertendo nunha publicación que define como “un libro de receitas con ton humorístico”. Nel, explica, percorre “todos os procesos previos” a esa preparación dos macarróns, “dende a obtención da auga e a fabricación da pota ata o cultivo dos tomates”.
Ese carácter irónico da publicación levou á súa vez a que optase por este proxecto, en lugar de polo seu traballo de fin de mestrado, para a presentación que realizará na tarde deste venres nun foro que reúne profesionais de todas as áreas do deseño. “A verdade e que é unha verdadeira honra”, recoñece este egresado, quen destaca que “poder participar nun espazo así permite ter visibilidade dentro do propio sector e, quen sabe, mesmo xerar posibles oportunidades laborais ou colaboracións noutros proxectos”. Nese senso, salienta tanto o “orgullo e privilexio” que supón poder representar neste evento bienal un mestrado “que é unha das formacións máis destacadas que ofrece a Universidade”, como afrontar tamén cun “pouco de medo” a que é a súa primeira presentación nun evento deste tipo.
