DUVI

Diario da Universidade de Vigo

premio higinio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Premios
  • Institucional
DUVI 11/02/2025

A Fundación Enaire é unha institución cultural dependente do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, que desde hai tres décadas desenvolve un amplo programa de actividades centradas na arte e a cultura aeronáutica e que na noite deste luns celebraba en Madrid o seu 30 aniversario, nun acto no que fixo entrega dos premios Aeronáuticos 2024. Presidido polo rei Filipe VI e o ministro de Transporte y Mobildad Sostenible, Óscar Puente, neste acto recoñeceuse co Premio Espacio á investigación sobre a eliminación de refugallo espacial realizada polos expertos do grupo Aerolab Manuel Sanjurjo Rivo, Higinio González Jorge e Luis Miguel González de Santos. 

“O premio é un recoñecemento ao esforzo que estamos facendo desde o grupo Aerolab e desde o Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE) por impulsar proxectos de investigación no ámbito da navegación espacial autónoma”, salienta o catedrático Higinio González, docente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. Publicada na revista IEEE Transactions on Aerospace, o estudo premiado, titulado Estimación de la Posición y Orientación de Objetos Espaciales mediante Inteligencia Artificial a partir de Mediciones LiDAR en Operaciones de Eliminación Activa de Desechos, forma parte da teses de doutoramento de Enrique Aldao, así como da colaboración dos investigadores da UVigo co profesor Manuel Sanjurjo, da Universidad Carlos III de Madrid. “O traballo céntrase na aplicación de tecnoloxía LiDAR nas operacións de redezvous espacial”, consistentes no acoplamento entre diferentes módulos e naves espaciais explica González, e nel participou tamén Luis Miguel González de Santos, quen realizou o seu doutoramento na UVigo.

Encontro da cultura e o sector aéreo

Máis de 200 representantes da cultura e do sector aéreo congregáronse na noite deste luns no acto celebrado no Ateneo de Madrid, no que Filipe VI fixo entrega tanto destes premios Aeronáuticos 2024, así como dos galardóns honoríficos outorgados con motivo do 30 aniversario desta fundación, da que o ministro Óscar Puente destacou a súa traxectoria centrada en “promover a cultura aeronáutica e divulgar a historia do transporte aéreo e das súas infraestruturas”.

Xunto aos investigadores da UVigo, Enaire recoñeceu co Premio Honorífico de Aeronáutica ao investigador granadino Emilio Herrera, a título póstumo, así como ao fotógrafo Chema Mazos, co Premio Honorífico 30 Aniversario de Fotografía. Tamén foron distinguidas a fotógrafa Paloma Navales, a investigadora Raquel Delegado Aguilera, os estudantes Marina Pérez e Marina Martinez, das universidades Politécnica de Madrid e Carlos III, respectivamente, o responsable da empresa H2 Dron Energy, Marcos González, e a xornalista Laura Velasco.