DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por un traballo sobre estruturas xeolóxicas singulares, entre elas a Pena do Equilibrio de Pontearea

Premio internacional Giovanni Barla ao mellor artigo de 2023 para dous investigadores da UVigo

O estudo foi realizado en colaboración co Cedex de Madrid e unha universidade húngara

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
D. Besadío DUVI 20/05/2024

Os investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, da Universidade de Vigo, Leandro Alejano e Ignacio Pérez Rey, docentes da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, acaban de ser galardoados co Premi Giovanni Barla ao mellor artigo de 2023 publicado na revista Rock Mechanics and Rock Engineering, unha das publicacións internacionais de maior prestixio dentro do eido da mecánica de rochas. O galardón recoñece a elevada calidade do artigo A New Insight into the Stability of Precariously Balanced Rocks, do que son coautores, xunto con Mauro Muñiz, do Laboratorio de Xeotecnia do Cedex, en Madrid, e  tres investigadores da Universidade de Tecnoloxía e Economía de Budapest, en Hungría, entres eles o profesor Gabor Domokos, un dos principais expertos mundiais no estudo e resolución de problemas de equilibrio de corpos complexos.

O artigo recolle os resultados dunha investigación realizada en colaboración entre estas tres institucións que afonda no estudo de estruturas xeolóxicas singulares como son os bolos graníticos inestables, entre eles a coñecida Pena do Equilibrio, en Ponteareas, unha liña de traballo na que o grupo de Xestión sostible e segura dos recursos minerais da Universidade de Vigo, do que forman parte Alejano e Pérez Rey, leva anos traballando. De feito, neste tema centrárase xa a tese de doutoramento de Ignacio Pérez Rey, defendida en 2019 na UVigo e dirixida polo profesor Leandro Alejano, á que a Sociedade Española de Mecánica de Rochas lle outorgara no 2020 unha mención honorífica. 

“Recoñecemento a unha paisaxe que é patrimonio xeolóxico da rexión”

“Recibir agora este novo premio, unido ao feito de que un grupo de relevancia como o comandado polo profesor Domokos tivera interese nel, é un bo indicativo de que na Universidade de Vigo e en institucións españolas como o Cedex se realiza investigación de calidade”, explica Ignacio Pérez Rey, quen salienta que o premio otorga “un claro recoñecemento a unha paisaxe que temos moi preto de nós e impulsa a súa conservación como elementos do patrimonio xeolóxico da rexión”.

Equipo internacional creado en plena pandemia

“Aínda que a metodoloxía utilizada para os cálculos de estabilidade da Pena do Equilibrio incluída na miña tese funcionara realmente ben, sendo publicada na revista Journal of Rock Mechanics and Mining Sciences, consideramos que podería ter algunha limitación, especialmente debido á natureza tridimensional do problema”,  salienta Pérez Rey, quen explica que foi en plena pandemia, hai agora catro anos, cando decidiu contactar co profesor Gabor Domokos para amosarlle o seu traballo.  Tras esa mensaxe inicial viñeron outras, así como varias reunións nas que se decidiu analizar novamente o problema e facelo coa colaboración do grupo do profesor Domokos e do Laboratorio de Xeotecnia do Cedex en Madrid, do que Ignacio Pérez Rey tamén formou parte.

O traballo consistiu en analizar novamente e validar doutro xeito os cálculos de estabilidade presentados inicialmente na tese de Pérez Rey, engadindo dous novos mecanismos de potencial inestabilidade ao problema en cuestión: a consideración da rotación do penedo e a rotura do material na superficie de contacto onde está apoiado. “Esta colaboración con persoal investigador do eido da matemática permitiu un desenvolvemento formal das expresións que rexen o equilibrio mecánico da Pena do Equilibrio, ademais dun refinamento da nube de puntos tridimensional en zonas onde non se puido obter información, debido a que é imposible acceder ao contacto entre o propio penedo e a rocha onde repousa”, salienta o investigador.

Novos estudos sobre outras estruturas xeolóxicas singulares de Galicia e Madrid

Dado o éxito da colaboración, os tres grupos están xa a formular a continuación destes estudos con aplicacións a outras estruturas xeolóxicas singulares situadas en Galicia e na Pedriza del Manzanares, no Parque Nacional de la Sierra de Guadarrama, en Madrid.

Grazas á natureza granítica de gran parte de Galicia, existen numerosos exemplos de bolos graníticos susceptíbeis de ser estudados. Entre outros exemplos, fan referencia ao penedo das Fatigas, na comarca da Limia, en Ourense, ou os penedos de Pasarela e Traba, na Coruña. Ao seu modo de ver, aínda que non todos estes exemplos presentan unha tipoloxía destacable en termos de cálculo da estabilidade, conforman elementos dignos de estudo. Por outra banda, zonas como o parque da Pedriza en Madrid presentan estruturas xeolóxicas deste tipo, “que resultan de grande interese, tanto pola diversidade en formas como en tamaños”.