DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Outorgado por AGPTI, Asociación galega de profesionais da tradución e a interpretación

Premio Xela Arias á revista Viceversa

“Polo traballo que fai en relación coa teoría da tradución á nosa lingua e pola súa traxectoria”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 05/10/2021

A Asociación galega de profesionais da tradución e a interpretación acaba de facer público a concesión do Premio Xela Arias 2021 a Viceversa. Revista galega de tradución, editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e coordinada polos docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución Alberto Álvarez Lugrís e Ana Luna Alonso. O premio chega en recoñecemento “ao traballo que fai esta publicación en relación coa teoría da tradución á nosa lingua e pola súa traxectoria”.

“Este premio alédanos por varios motivos: porque leva o nome de quen foi membro do Consello de redacción da revista ata o seu pasamento no ano 2003; porque neste ano 2021 o Día das letras galegas celebra a creación poética e tradutora de Xela Arias; porque nos próximos días sairá do prelo un libro coordinado por Viceversa con estudos sobre as traducións de Xela Arias”, explican na propia web da revista Álvarez Lugrís e Ana Luna, ao que engaden que o traballo que se leva a cabo desde esta publicación “sería imposible sen o compromiso das moitas persoas que dende 1995 veñen colaborando nos seus diferentes comités ou como autoras ou revisoras dos máis de 400 traballos publicados en 21 números, así como das lectoras e lectores de todo o mundo que seguen as nosas publicacións tanto en papel como en formato dixital”.

Outorgado pola Asociación galega de profesionais da tradución e a interpretación, o Premio Xela Arias recoñece o labor da autora como tradutora e pon en valor a tradución profesional e o galego como lingua de traballo. Púxose en marcha no 2018 e, dende entón, recoñeceu a traxectoria da tradutora galega María Alonso Seisdedos (2018), da propia Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (2019), da cooperativa Numax (2020) e agora da revista Viceversa. Nesta ocasión o premio será entregado nun acto simbólico que se agarda poida celebrarse antes de que remate o ano.

Xela Arias formou parte do Consello de redacción da revista desde 1995 ata que faleceu

Viceversa é unha revista académica que cumpre os estándares de revisión por pares e diríxese á comunidade investigadora e profesional de todo o mundo. Ao longo dos anos os temas tratados nas súas páxinas son “do máis variado”: tradución científica, administrativa e legal, literaria, audiovisual e de videoxogos..., interpretación, didáctica da tradución e da interpretación, historia da tradución e da interpretación, teoría da tradución, metodoloxía da investigación, análises das traducións publicadas en Galicia, estudos sobre as traducións de literatura galega a outras linguas, etc. 

Fundada no ano 1995 de xeito conxunto pola Asociación galega de tradutores galegos (ATG) e o Departamento de Filoloxía galega e latina da Universidade de Vigo, os actuais responsables da revista lembran que a súa posta en marcha foi posible grazas ao pulo inicial da catedrática de Lingua e literatura galega Camiño Noia, primeira directora da revista, así como de Xulián Maure (ATG), Valentín Arias (ATG, primeiro secretario da revista) e o profesor da UVigo Xosé María Gómez Clemente. “No primeiro Consello de redacción  participaron tamén a poeta e tradutora Xela Arias Castaño, e os tradutores e profesores da Uvigo Gonzalo Constenla, Gonzalo Navaza e Antón Palacio”, explica Álvarez Lugrís.

Desde o 2020 a revista pasouse ao formato dixital

Entre os anos 2014 e 2021 a revista deixou de publicarse debido á falta de financiamento, pero no ano 2020, grazas ao apoio do Servizo de Publicacións da Uvigo, conseguiuse volver a pola en marcha en versión dixital. “O número 21 (ano 2021) tivo unha gran acollida, con subscricións e accesos á páxina web dende todo o mundo, e estamos a preparar o número 22, que sairá a comezos do próximo ano”, explica Álvarez Lugrís.

Ao longo dos anos a revista foi incorporando ao Consello de redacción e ao Comité asesor profesionais da tradución e da interpretación e investigadoras universitarias de todo o mundo, co obxectivo de ofrecer dende as súas páxinas tanto a perspectiva profesional como a académica. Do mesmo xeito, un dos obxectivos da revista foi publicar traballos das principais estudosas e estudosos do mundo nos campos da tradución e da interpretación e nos seus números foron aparecendo artigos de Gideon Toury, Sonja Tirkkonen-Condit, Reine Meylaerts, Lawrence Venuti, Suzanne Jill Levine, Edwin Gentzler, Jean Delisle, Daniel Gile etc. “Todas estas colaboracións internacionais publícanse sempre traducidas ao galego para contribuír á normalización da nosa lingua na investigación académica; estas traducións están feitas polo alumnado do noso grao, que sempre amosa interese por colaborar coa revista”, recalca Álvarez Lugrís, ao tempo que destaca que desde este ano se publican tamén as versións orixinais dos traballos.