DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O fallo do xurado foi anunciado nun acto co gallo da celebración do Día das Letras Galegas

O Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco xa ten gañadores

Claudia Galego, da USC e Saúl Gómez e Erín Míllara, da UVigo, os galardoados nas dúas categorías

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Institucional
M. Del Río DUVI 11/05/2022

A primeira edición do Premio xurídico de investigación en lingua galega Xosé Luís Franco xa ten gañadores. O fallo do xurado deste certame, que organiza a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e ten como obxectivo fornecer o proceso de dinamización lingüística da Universidade de Vigo e fomentar o emprego da lingua nos traballos de investigación xurídica, foi anunciado este mércores no transcurso do acto As letras galegas e o dereito, organizado co gallo da celebración do Día das Letras Galegas.

Os gañadores son Claudia Galego, na modalidade A, destinada ao estudantado de todas as universidades do Estado, e Saúl Gómez e Erín Míllara, ex aequo, na categoría específica para estudantes da facultade viguesa. Os galardóns teñen unha dotación de 400€ e entregaranse no transcurso do acto de graduación da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.

No seu fallo, o xurado composto por Francisco Torres, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo; María Antonia Arias, secretaria académica e Xosé Manuel Pacho, vicedecano e coordinador de Normalización Lingüística, destacou “o nivel dos traballos presentados en lingua galega, que abranguen temáticas tan diversas como o dereito de marcas, o dereito laboral e da seguridade social, o dereito internacional, o dereito civil, administrativo, mercantil, constitucional, entre outros”. Tamén puxeron en valor “a calidade e corrección lingüística, así como a metodoloxía e o rigor técnico empregado nos traballos”.

A descolonización do Sáhara, a eutanasia e a educación en linguas cooficiais

O proxecto premiado de Claudia Galego, alumna da Universidade de Santiago de Compostela, céntrase na descolonización do Sáhara occidental dende o dereito internacional. Nel analiza este proceso dende unha perspectiva xurídica, poñendo de manifesto “a política de feitos consumados do estado de Marrocos sobre o pobo saharauí e a inoperancia do Consello de Seguridade de Nacións Unidas”. A través dunha “axeitada metodoloxía de investigación afonda nos problemas legais e xurídicos que se mesturan con cuestións socio-políticas á hora de analizar a cuestión do Sáhara”, como subliña o xurado. 

No que se refire á modalidade B, Saúl Gómez resultou galardoado polo seu traballo fin de mestrado sobre a lei Orgánica 3/2021 de regulación da eutanasia. Este traballo, destaca o xurado, céntrase na nova lei “de axuda médica para morrer cunha abondosa bibliografía actualizada e analiza os distintos pasos da nova norma” e nas conclusións achega a “súa opinión crítica e fundamentada sobre a mesma”. A outra premiada, Erín Míllara, presentou o seu traballo fin de grao sobre o dereito á educación nunha lingua cooficial no estado español. Como se recolle no fallo, “este traballo analiza o dereito á educación nunha lingua cooficial do estado, o galego, os problemas derivados do seu uso e fai unha contextualización histórica e recolle a regulación e a súa análise xurisprudencial”.

As letras galegas e o dereito

O fallo do premio foi dado a coñecer no transcurso dun acto que contou con dous relatorios impartidos polo profesor e vicedecano Xosé Manuel Pacho. No primeiro deles abordou a faceta de Florencio Delgado Gurriarán, como avogado e como poeta, xa que se o homenaxeado nas Letras Galegas 2022 titulouse en dereito en Valladolid e, cando retornou á súa Valdeorras natal, traballou de pasante nun bufete do Barco. Na segunda conferencia, A Esmorga. Dereito, literatura e silencio, Pacho Blanco centrouse nesta novela que Eduardo Blanco Amor publicou en Bos Aires en 1959.