DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abertos á participación de profesorado de centros educativos galegos

Uns premios distinguirán aos mellores proxectos de ensino de Xeografía e Historia en Educación Secundaria

O prazo de inscrición finalizará o día 16 de abril

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 18/02/2021

A Facultade de Historia do campus de Ourense convoca a primeira edición do Premio #XenteQueFaiHistoria: Como ensinas Xeografía e Historia?. Nel, convídase ao profesorado de Xeografía e Historia de Educación Secundaria Obrigatoria de centros educativos de Galicia a presentar os seus proxectos de ensino máis innovadores. O prazo de inscrición finaliza ás 14.00 h do día 16 de abril.

Segundo explican desde a entidade organizadora, os obxectivos da iniciativa son “valorar e dar visibilidade ao uso de metodoloxías innovadoras na docencia da Xeografía e Historia no Ensino Secundario Obrigatorio” e “expresar o recoñecemento da Facultade de Historia ao esforzo realizado pola innovación no ensino da Xeografía, da Arte e da Historia, así como fomentar a conciencia crítica e a necesidade da protección do patrimonio cultural”. O certame tamén quere “estreitar a relación entre os centros de ESO e o seu profesorado e a Universidade de Vigo” e “fomentar a relevancia das disciplinas humanísticas para a comprensión e respecto do mundo actual, a atención á diversidade e a perspectiva de xénero”.

Os proxectos docentes que se presenten a estes galardóns deberán ter sido desenvolvidos e finalizados durante os cursos 2018/2019, 2019/2020 ou 2020/2021. Os criterios para a súa valoración serán o seu interese educativo e carácter integrador; o seu carácter innovador e orixinalidade da iniciativa; o seu grao de extrapolación a outros centros ou ámbitos do sistema educativo galego; a calidade do deseño (é realista e motivador; fomenta o interese pola Xeografía, Historia da Arte e Historia; amosa coherencia entre os obxectivos perseguidos polo proxecto, a proposta metodolóxica e de actividades e os contidos a desenvolver) e a súa viabilidade (recursos materiais; grao de compromiso coa comunidade educativa, así como con outros sectores sociais e institucións da contorna).

Dúas roldas

Nunha primeira rolda, trala valoración dos proxectos presentados, seleccionaranse os dez traballos con maior puntuación para a súa presentación nunhas xornadas de difusión que se desenvolverán na Facultade de Historia da Universidade de Vigo. Destes dez proxectos, os tres que acaden maior puntuación pasarán a unha segunda rolda. Nesta segunda rolda, os tres traballos seleccionados serán presentandos de forma presencial ou telemática durante o desenvolvemento dunhas xornadas de difusión organizadas pola Facultade de Historia para tal fin. Un xurado determinará o traballo gañador, que constituirá o primeiro premio. Os dous restantes serán premiados na categoría de finalistas. Trala selección do primeiro premio, presentaranse os sete traballos restantes.

O xurado do certame estará composto por profesorado e un representante do alumnado da Facultade de Historia; por profesorado do mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, FP e Idiomas da Facultade de Educación e Traballo Social; por docentes de Xeografía e Historia en Educación Secundaria Obrigatoria e por un representante de Educación da Delegación de Ourense. Os proxectos seleccionados na primeira rolda serán publicados nun pdf de libre acceso. Ademais, o primeiro clasificado recibirá un trofeo, un bono regalo e un diploma acreditativo e cada finalista recibirá un trofeo e un diploma acreditativo. O acto de entrega de premios terá lugar na Facultade de Historia, no campus de Ourense, coincidindo coa segunda rolda, sempre e cando poida realizarse de forma presencial. En caso contrario, fixarase a data unha vez que as condicións sanitarias o permitan.