DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Patroa da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Premios, innovación e vocación profesional para celebrar Santa Bárbara 2025

Á entrega dos Enfoca.RME e dos mellores expedientes uniuse á presentación dun obradoiro virtual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Divulgación
  • Premios
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/12/2025

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía celebrou este mércores a súa patroa, Santa Bárbara, e fíxoo facendo protagonistas aos gañadores dos Premios aos mellores expedientes de acceso ás súas titulacións e aos novos galardoados do concurso de fotografía Enfoca.RME 2025, unha iniciativa xa tradicional coa que a escola abre as súas portas ás persoas afeccionadas ao mundo da fotografía para que capten as mellores imaxes protagonizadas polos recursos mineiros e enerxéticos.

Foi un día de celebración no que, ademais, se aproveitou tamén para a presentación de novas iniciativas, neste caso, a virtualización do obradoiro de minerais, un novo recurso didáctico en realidade virtual desenvolvido a través dun proxecto de innovación docente e no que tamén se deron consellos aos estudantes, futuros e futuras profesionais do sector, neste caso, da man do decano-presidente do Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, Coimne, , Juan José Fernández Díaz.

Os premios Enfoca.RME viaxan ata Barcelona e Toledo

Os primeiros en recoller os seu galardóns foron os gañadores do Concurso Enfoca.RME 2025. O primeiro premio viaxou nesta ocasión ata Sant Boi de Llobregat (Barcelona), desde onde chegou a imaxe Gran Placa Fotovoltaica, realizada por José Reyes Belzunce, e na que se visualiza unha placa conformada por case 3000 paneis FV, inaugurada no 2004 co gallo da celebración na cidade condal do Forum Universal das Culturas.

O 2º premio trasladouse tamén ata outro punto da península, neste caso Toledo, desde onde José Ángel Arias enviou a imaxe Salida de la luna por el parque eólico, tomada no parque eólico situado na serra da Oliva, preto de Almonacid. A maiores, entregouse tamén un accésit ao estudante da escola Ricardo Hernández Bouzada, alumno de 4º curso do Grao en Enxeñaría da Enerxía, pola obra Mirando hacia el futuro.

Seis premios para os mellores expedientes de novo ingreso

No caso dos premios aos mellores expedientes de novo ingreso, recaeron nos alumnos Álvaro Vázquez Refoxos e Nicolás Fraga Ojeda, do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos; Martíne Rodríguez Abella e Enol Ruíz Hernández, do Grao en Enxeñaría da Enerxía; e Rafael Da Hora Lavigne e Adrián López Insúa, do Máster en Enxeñaría de Minas.

Realidade virtual para aprender xeoloxía

A presentación da virtualización do obradoiro de minerais correu a cargo dos seus autores, o grupo de innovación docente Xeoda, composto por profesorado do centro. Eles foron os encargados de explicar como tiveron a idea de trasladar o obradoiro de mineiras presencial a unha contorna virtual no metaverso da Universidade de Vigo.

“A contorna virtual ten algunhas vantaxes, como poder repetir de maneira ilimitada os ensaios, incrementar o número de minerais a identificar e aprender de maneira inmediata mediante unha autoavaliación instantánea”, explicou a profesora Teresa Rivas, do grupo Xeoda, quen tamén se referiu a esta contorna virtual coma “un espazo moi familiar entre a xente nova, o que podería facelo atractivo, incrementando a súa repercusión e facilitando o uso como ferramenta docente en materias relacionadas coa xeoloxía”.

Información e consellos do presidente do Coimne

No caso da charla de Juan José Fernández Díaz, decano presidente do Coimne, o alumnado da escola tivo a oportunidade de coñecer de preto as particularidades da profesión de enxeñeiro ou enxeñeira de minas. Neste senxo, Fernández Día ofreceu información variada sobre o proceso de colexiación, os requisitos necesarios para exercer e as vantaxes profesionais que achega. Así mesmo, afondou nos distintos tipos de proxectos nos que participa este colectivo, así como nas saídas profesionais actuais e as tendencias que marcan o sector, incluíndo as competencias técnicas e habilidades transversais máis demandadas polas empresas. 

Do mesmo xeito, o principal responsable deste colexio profesional asesorou tamén aos asistentes acerca da normativa vixente e as responsabilidades legais da profesión, destacando o peso crecente da sustentabilidade, da transición enerxética e da economía circular nos proxectos. Nesta liña, expuxo diferentes exemplos de iniciativas reais na rexión e ofreceu información sobre prácticas, bolsas e os primeiros pasos para iniciar a carreira profesional.