DUVI

Diario da Universidade de Vigo

premios ragc

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Institucional
DUVI 08/10/2026

O catedrático de Mecánica das Rochas da Universidade de Vigo Leandro Alejano Monge recibiu este mediodía de mans do vicerreitor de Investigación da UVigo, Manuel Martínez Piñeiro, a Medalla Isidro Parga Pondal e o diploma, que outorga a Real Academia Galega de Ciencias, polo seu traballo a prol da mellora da seguridade nas explotacións mineiras. A RAGC celebrou hoxe cun acto no salón nobre do Colexio de Fonseca, o Día da Ciencia en Galicia dedicado á oceanógrafa Aida Fernández Ríos e no que se entregaron as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos galegos.

O catedrático da UVigo Gabriel Rosón dedicou a súa conferencia a glosar a figura de Aida Fernández Ríos, coa que compartiu actividade profesional no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, que a homenaxeada foi a primeira muller en dirixir. Rosón lembrou a súa contribución ao desenvolvemento de métodos destinados a cuantificar o dióxido de carbono procedente de actividades humanas almacenado no interior do océano. “Un fito fundamental desta liña foi a súa participación nun artigo publicado na revista Science en 2004, o primeiro estudo que determinou de maneira global a cantidade de CO₂ de orixe humana acumulada no océano”, destacou Rosón. Pola súa banda, o presidente da Academia, Juan Lema, destacou que “Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia e abrindo camiños para outros”. 

Posta en valor da minería

No acto celebrado en Santiago, presidido pola reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras, e ao que asistiron, entre outras autoridades asistiron a directora de Gain, Carmen Cotelo; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; así como académicas e académicos da RAGC e representantes de institucións políticas, científicas, educativas, culturais e de investigación galegas, Leandro Alejano agradeceu o recoñecemento e reivindicou o valor da minería. "Eu son mineiro, unha profesión e un sector que á veces é mal visto pola sociedade e hoxe quero romper unha lanza a prol da minería. Simplemente pensade que se hoxe levades un móbil no peto e tedes un carro para ir onde queredes, esa mellora na calidade de vida, respecto a como vivían os vosos avós, débese en parte á minería", dixo Alejano, que se emocionou ao lembrar á súa nai, "unha galega de Cambados que foi a Madrid a vivir", e que agradeceu o apoio e compañeirismo de docentes e investigadores do seu centro na UVigo ao longo dos anos.

Pola súa banda, o presidente da RAGC, destacou en relación co galardón outorgado ao catedrático da UVigo que “o coñecemento da mecánica das rochas resulta fundamental para a seguridade das explotacións mineiras, das grandes obras civís e de numerosas intervencións sobre o territorio. O seu traballo combinou investigación, desenvolvemento de metodoloxías e aplicación a problemas concretos”.

Xunto a Alejano este xoves foron distinguidos coas medallas a RAGC Rosa Crujeiras, catedrática de Estatística e Investigación Operativa e reitora da USC; Mabel Loza, catedrática de Farmacoloxía e directora do CiMUS, Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas; Francisco Rivadulla, catedrático de Química Física e investigador do CiQUS, Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares; e Sebastian Villasante, profesor de Economía Aplicada e investigador do Cretus, Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais.