DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A FFYT acolle hoxe e mañá venres o encontro nacional de estudantes desta titulación

Presente e futuro da tradución e a interpretación dánse cita no campus de Vigo

Con 160 asistentes e 36 poñentes, están representadas 23 universidades de todo o Estado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 18/04/2024

O presente e o futuro da tradución e a interpretación conflúen dende hoxe xoves no campus de Vigo coa celebración da XXI edición do ENETI, o encontro nacional de estudantes desta titulación. Xunto cos máis de 160 estudantes que participan nesta cita, estarán 36 poñentes con traxectorias moi destacas neste eido e con experiencia na tradución e interpretación de videoxogos como Marvel’s Guardians of the Galaxy, de películas como Pobres Criaturas, Avatar, series como Os Bridgerton, videoxogos como Fortnite ou sagas como Star Trek, Star Wars e Marvel.

Ao longo destes dous días, alumnos e alumnas de 23 universidades comparten con estes especialistas en activo mesas redondas, obradoiros, relatorios e debates. Como explican as alumnas da Universidade de Vigo que conforman o comité organizador (Alba Carballal, Ana Doval e María Herrero) a finalidade deste congreso é “coñecer os compañeiros de Tradución e Interpretación de distintas partes do país e tamén atoparse con distintos profesionais da tradución para coñecernos, facer contactos e aprender uns dos outros”. 

“Benvidas e benvidos á incubadora do saber”

No acto de apertura celebrado esta mañá, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, felicitaron a estas mozas que, cun equipo de 11 estudantes voluntarios, levan preto de dous anos traballando para que este evento se convertese nunha realidade e tomase o relevo da cita de 2023, que tivo lugar en Salamanca.

O decano da única facultade de humanidade do campus, recalcou que levar adiante “un evento desta envergadura e características non é nada sinxelo” e puxo en valor o feito de que celebre “no edificio no que comezou todo”, no xermolo do que hoxe é a Universidade de Vigo. O reitor, pola súa banda, deulles a benvida a “esta incubadora do saber” e lembrou como a UVigo apostou dende o principio por non ser unha universidade politécnica, aínda que todo apuntaba a isto. “Afortunadamente hoxe temos facultades como a FFT xa que, como dicía o decano, unha universidade que se prece ten que ser unha universidade que inclúa estudos de todo tipo, que non deixe de lado as humanidades nin a conciencia crítica”. 

Alba Carballal, en representación da organización, deu as grazas a todas e todos por responder á chamada desta primeira edición que se celebra en Galicia e tamén ás entidades patrocinadoras pola colaboración. Destacou que, a pesar dos atrancos que foron atopando polo camiño, foron quen de dar forma a un programa “con charlas e talleres moi variados, de grande interese, e con xente moi imporante que nunca antes pisara un ENETI, como por exemplo os profesionais da mesa redonda de tradución de videoxogos”. Todo isto sen deixar de lado outros eidos relevantes como o tradución audiovisual, a tradución literaria ou a de márketing. Finalmente, tamén interveu no acto en representación de AETI, a Asociación Española Universitaria de Tradutores e Intérpretes en Formación, Isabel Sáez, que puxo en valor este tipo de encontros para “garantir o relevo xeracional desta entidade tanto na UVigo coma no resto de universidades” e tamén recalcou a importancia de asociarse “nun sector tan solitario coma o noso”.

O mundo da T&I da man dos seus profesionais

Tras o acto de apertura tivo lugar o primeiro dos relatorios, neste caso centrado nas posibilidades profesionais que abre a tradución audiovisual, da man de Marta Chapado, docente con ampla experiencia en tradución para dobraxe e subtitulación, e Iria Domingo, tradutora audiovisual que ten traballado en proxectos como House of Cards, You ou The Witcher. Ambas reflexionaron sobre como é o día a día dos profesionais da tradución, os tipos de clientela, as fases do proceso, as saídas profesionais e mesmo outros sectores que poden ser de interese para os profesionais da T&I.

De seguido comezou unha mesa redonda sobre como superar unha proba de tradución sen morrer no intento, na que profesionais de diferentes eidos compartiron a súa experiencia á hora de abordar este proceso. Entre as poñentes, María Garrido, localizadora de videoxogos e Premio ATRAE á mellor tradución de videoxogos 2022 polo seu traballo en Marvel’s Guardians of the Galaxy, que interveu xunto con Laura Vazquez, traductora con experiencia en Arkham Horror; Laura Feijóo, con experiencia no subtitulado ao galego en Netflix e Nacho Pérez, tradutor e localizador de títulos como Fortnite ou The Witcher: Monster Slayer.

A mañá completouse con outra mesa redonda sobe a localización de videoxogos. Xa pola tarde será quenda dos talleres de tradución de márketing e transcreación, de marca persoal e promoción profesional  e supervivencia para intérpretes novos.

Na xornada de mañá venres haberá relatorios sobre a linguaxe non binaria aplicada á tradución (o primeiro en galego na historia do congreso), asesoría lingüística como alternativa profesional, a tradución de cómics e webtoons e a tradución audiovisual. Nesta última mesa redonda participarán especialistas tan destacados como Javier Pérez, tradutor, entre outras, de Pobres Criaturas ou O conto da criada; Paula Mariani, que traballou na dobraxe de Os Bridgerton; Joseph Llurba, tradutor de series e películas como Avatar ou Transformers; Quico Rovira-Beleta, tradutor habitual de Star Trek, Star Wars e Marvel e Manu Viciano, tradutor de series como The Americans ou Fear de Walking Dead.

Ademais, outras ponencias abordarán temas como a tradución e interpretación médico-sanitaria ou a xestión de proxectos de tradución e copywriting.

40 participantes na LocJam

Unha das grandes novidades desta edición será a LocJam que terá lugar na tarde de mañá venres. Trátase dunha competición de tradución de videoxogos, para o cal se reprograma un videoxogo non comercial para extraer os arquivos localizables para que os equipos poidan modificalos dei xeito máis sinxelo. Neste caso, as 39 persoas inscritas deberán traducir Not Enough Time, un point-and-click de 2500 palabras, do inglés a calquera lingua de traballo dos participantes. 

Segundo as organizadoras, o feito de apostar por este formato responde ao “aumento exponencial de demanda de profesionais formados neste ámbito, de modo que quixeron buscar a forma de introducir esta temática de forma amigable ao alumnado de tradución de toda España, primando sempre a práctica ante a teoría”.