DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pode solicitarse destino ata o venres 13

Preto de 1700 prazas de mobilidade nacional para o próximo curso

A resolución inclúe un longo anexo con toda a oferta dispoñible

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
D. Besadío DUVI 09/02/2026

1692 prazas e 59 universidades de destino en todo o territorio nacional. A Universidade de Vigo mantén aberta ata este venres día 13 a convocatoria do programa de mobilidade Sicue (Sistema de Intercambio entre Centros Universitarios Españois) para o curso 2026/2027.

Este programa facilítalle ao alumnado de grao das universidades españolas realizar unha parte dos seus estudos noutra universidade distinta á súa, con garantías de recoñecemento académico e de adecuación ao seu perfil curricular. Tal e como se especifica na resolución, hai que solicitar praza para os mesmos estudos que se está a cursar na universidade de orixe e, entre os requisitos destácase, entre outros, que hai que estar matriculado no curso 2025/2026 dun mínimo de 30 créditos nunha titulación oficial de grao da UVigo e ter superados, cando menos, 45 créditos.

Poden solicitarse estadías de curso completo (9 meses cursando un mínimo de 45 créditos en destino) ou de medio curso (3, 4, 5 ou 6 meses, cursando mínimo de 24 créditos). Na listaxe publicada de maneira anexa á resolución poden consultarse todas as prazas ofertadas para cada unha das titulacións.

Andalucía mantense como destino preferente

Este curso, 2025/2026, 97 estudantes da Universidade de Vigo cursan parte dos seus estudos noutra universidade española grazas a este programa e, así mesmo, Vigo foi elixida institución de destino por 57 estudantes de diferentes puntos da xeografía nacional.

Na anterior convocatoria do programa as universidades máis solicitadas por parte do alumnado vigués foron a Universidade de Granada e a Universidade de Málaga, nesta orde. En canto ao alumnado entrante, a Universidade de Sevilla foi a que máis alumnado enviou. Esta preferencia por Andalucía, tanto como lugar de destino como de orixe dos estudantes que veñen a Vigo, é unha tendencia que xa se viña producindo ao longo dos últimos anos e que este curso semella consolidarse.