DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reúnense no libro que coordinan a catedrática Francisca Fariña e o maxistrado Pascual Ortuño

Preto de 40 especialistas para abordar de forma global as consecuencias das separacións nos fillos e fillas 

Un estudo sobre a xestión do confinamento por parte das parellas foi recollido na base de datos da O

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 20/01/2021

A ruptura dunha parella con fillos ou fillas pode implicar, máis aló do propio proceso xudicial, consecuencias psicolóxicas, económicas ou académicas nas e os menores. Co propósito de abordar esta realidade deste unha óptica multidisciplinar e achegar procedementos, recomendacións e boas prácticas que poidan axudar a unha xestión positiva da separación, a catedrática da Universidade de Vigo Francisca Fariña e o maxistrado da Audiencia de Barcelona Pascual Ortuño reúnen as reflexións de preto de 40 especialistas e profesionais de diferentes ámbitos no libro La Gestión Positiva de la Ruptura de Pareja con Hijos. Editado por Tirant, este volume é o resultado de tres anos de traballo no que participaron expertos e profesionais da xudicatura, a avogacía, a fiscalía, a socioloxía, a psiquiatría infantil, a pediatría, a psicoloxía, a educación e a mediación, baixo a coordinación de Fariña e Ortuño. “Era importante achegar unha visión global do impacto da ruptura de parella na familia”, salienta a catedrática de Psicoloxía Básica e Psicoloxía Xurídica do Menor dun libro que afonda “nos distintos modelos de xestión legal da ruptura” e nos procedementos existentes “para axudar ás familias a centrarse no interese dos seus fillos e fillas”. 

Por outra banda, Fariña, responsable do grupo PS1 levou tamén a cabo nos últimos meses, xunto a investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, un estudo dirixido a coñecer como as parellas separadas ou en proceso de ruptura xestionaron o confinamento, que deu lugar a un artigo que recentemente incluído na base de datos da Organización Mundial da Saúde (OMS) sobre investigacións relacionadas coa covid-19. 

Un libro para profesionais, pero tamén para nais e pais

“A día de hoxe, non existe en español un libro que aborde a ruptura de parella con fillos/as dunha maneira tan interdisciplinar como o fai este”, sinala a docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e presidenta da Asociación Iberoamericana de Justicia Terapéutica. Como apunta Fariña, trátase dunha publicación dirixida tanto aos operadores e operadoras xurídicas e outra serie de profesionais, como tamén a pais e nais. “É importante que os proxenitores coñezan as consecuencias que a mala xestión da ruptura de parella pode ter para os seus fillos e fillas e para eles”, salienta Fariña, ao que Ortuño engade que “o impacto da ruptura dos proxenitores no menor é probablemente o accidente máis grave que padecerá esa persoa en toda a súa vida”, cuxos efectos vanse manifestar no ámbito clínico, educativo e psicolóxico, alén de poder converter ao menor, engade, “no que nós chamamos un neno xudicializado”.

A “maioría dos profesionais” que interveñen nestes procesos “non ven as consecuencias globais que a ruptura ten para cada membro da familia, en especial para os fillos e fillas, e moito menos as consecuencias sociais que pode ter de xestionarse de maneira inadecuada”, sostén Fariña, que pon o acento na “formación especializada e multidisciplinar” que esixen este tipo de procesos. “Unha das principais dificultades para a acción eficaz da xustiza en relación cos menores que se ven envoltos en conflitos xudiciais é a fragmentación do traballo que se realiza polos diferentes profesionais”, engade Ortuño, que sinala que o obxectivo deste libro é promover “un achegamento entre as diferentes perspectivas para buscar mecanismos de conexión”. 

Unha análise desde múltiples perspectivas

Con ese propósito, o volume aborda, nos seus 21 capítulos, o papel da xudicatura, fiscalía e avogacía nos procesos de ruptura de parella, así como a xudicialización dos conflitos familiares, as normas legais aplicables ou a toma de decisións en caso de discrepancia da patria potestade. Mais tamén as consecuencias socioeconómicas da ruptura e os seus efectos na saúde, física e emocional, ou no ámbito académico. A mediación e os programas de apoio ás familias, a perspectiva da xustiza terapéutica e a necesidade dunha “coparentalidade positiva” forman parte, así mesmo, dos contidos abordados nun libro que pon o foco na necesidade “dun cambio de paradigma na xestión da ruptura de parella para acabar con tanto sufrimento estéril”, como subliña Fariña.

Este cambio, pasa, ao xuízo desta catedrática, tanto pola creación da xurisdición de familia, como por promover unha “formación multidisciplinar baixo o paraugas da xustiza terapéutica”. Nese mesmo senso, Ortuño incide no “papel esencial” da avogacía, xudicatura e fiscalía, cuxos profesionais, sinala, deben “adquirir os coñecementos e ferramentas necesarias para que a súa intervención non perturbe á paz dos menores”, o que ao seu xuízo fai “imprescindible que se esixa unha especialidade profesional neste campo”.

Resultado de tres anos de traballo

Esta publicación é o resultado dun proceso de traballo, iniciado en 2017, co obxectivo de crear o libro branco para a xestión positiva de ruptura de parellas con fillos, un “documento estratéxico consensuado por expertos e expertas”. Entre as e os especialistas “de referencia”, como apunta Fariña, que participan nesta publicación atópanse a maxistrada e presidenta do Grupo Europeo de Maxistrados pola Mediación (Gemme), Rosalía Ayala; a presidenta da Asociación Española de Avogados de Familia, María Dolores Lozano; o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro; o maxistrado e presidente da Plataforma Derecho y Familia, Xavier Abel; o catedrático de Socioloxía da Unversitat Autónoma de Barcelona Lluís Flaquer; o catedrático da USC e presidente da Asociación Española de Psicoloxía Xurídica e Forense, Ramón Arce; a presidenta de honra da Asociación Española de Pediatría do Neno, a Nena e o Adolescente, María Jesús Mardomingo; e a presidenta da Conferencia Universitaria para el Estudio de la Mediación y el Conflicto (Cuemyc), Leticia García. 

A realidade durante o confinamento

Outro dos capítulos do libro busca abordar a magnitude en cifras desta realidade en España, onde en 2017 rexistráronse preto de 50.000 nulidades matrimoniais, separacións e divorcios; unha “cifra moi alta” que, non obstante, deixa fóra a outra serie de menores que tamén “experimenta a ruptura de parella dos seus proxenitores”, como sinala Fariña. De feito, nun artigo que realizou xunto con investigadoras da Unidade de Psicoloxía Forense da USC púñase de relevo que “o número real” de parellas afectadas por procesos de ruptura “podería ser ata un 50%” maior do que recollen os rexistros oficiais. Este artigo, que foi indexado na base de datos da OMS, recolle os resultados do estudo levado a cabo co propósito de coñecer como afectou o confinamento á hora de relacionarse e xestionar posibles conflitos nas parellas separadas con fillos e fillas. 

O estudo, que parte da realización de máis de 200 enquisas a nais e pais, constata que a situación provocada pola pandemia “modificou maioritariamente o tempo de estancia e comunicación” cos fillos e fillas, na maior parte dos casos acordado entre ambos proxenitores. Segundo recolle o artigo, o confinamento motivou un “decrecemento do 83%" na taxa de intercambios dos menores, así como a suspensión das visitas en practicamente a metade dos casos, quedando o 85% dos nenos e nenas baixo a custodia da nai. Por outra banda, os proxenitores participantes no estudo sinalaron, de xeito maioritario, a “salvagarda da saúde” dos menores como o principal motivo que sustentaría a suspensión dos intercambios.