O Pavillón Universitario acolleu o primeiro Campionato Iros
Preto de 50 persoas participan nunha competición que combina carreira con exercicios de forza
Promovida pola Área de Benestar, Saúde e Deporte
Carreiras e exercicios de forza combinábanse no primeiro Campionato Iros, unha competición promovida pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo e que na tarde deste mércores reuniu preto de 50 participantes no Pavillón Universitario. Lucas Álvarez e David Bautista foron os gañadores deste torneo por parellas, no que Fernando de la Puente e Jorge Fernández remataron en segundo lugar, completando o podio Aarón Prieto e Mario Varela. Neste campionato, as e os participantes debían combinar unha serie de carreiras de 500 metros coa realización dun conxunto de exercicios físicos de forza, como zancadas con peso, un percorrido dun quilómetro nun remoergómetro, realizar burpees ou unha serie de repeticións de exercicios aeróbicos e de forza.
Aberta á participación das e dos usuarios do abono mUVer, trátase dunha competición centrada “nunha modalidade deportiva de moda, que combina a carreira con exercicios de forza”, como sinala o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte Gustavo Loureiro, quen apunta que esta iniciativa xurdiu “a petición dos usuarios da sala de cardio-fitness”, resultando un “éxito” en termos de inscrición, con máis de 20 parellas tomando parte na competición.
