DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 13º Reunión de Jóvenes Investigador@s celebrouse na sede de Afundación 

Preto de 80 mozas e mozos investigadores que traballan no estranxeiro participaron hoxe en Vigo no IYI Meeting 

Organizado polo CINBIO, en colaboración co Inibic

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI 27/12/2022

“Un encontro para conectar e coñecerse”, así definiu David Posada, catedrático e investigador do Cinbio, a Reunión de Jóvenes Investigador@s en el Extranjero, celebrada hoxe, por primeira vez en Vigo, tras as doce edicións na cidade de A Coruña. A investigadora María Mayán do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (Inibic), foi a encargada, xunto a Posada, de dar a benvida ao IYI Meeting aos preto de 80 mozos e mozas investigadores que traballan fóra de España e que asistiron á decimo terceira edición deste evento anual. 

Tras a intervención dos dous investigadores membros do comité organizador, a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio, presentou as distintas oportunidades de retorno que institucións como a Universidade de Vigo brindan ao persoal investigador junior galego que traballa no estranxeiro. A vicerreitora destacou “a captación de talento e a inversión en persoas con grandes ideas” como pilares básicos que enriquecen á universidade. Na importancia das persoas que forman parte dun centro de investigación incidiu, pola súa banda, o director do Cinbio, Miguel Correa, quen sinalou que “captar talento e acompañar aos investigadores e investigadoras na súa carreira profesional, brindándolles apoio en forma de equipamento e formación, é un dos obxectivos fundamentais do Cinbio”. Tamén participou na apertura Hugo López, investigador do grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING) do Cinbio, que presentou as liñas de actuación e obxectivos principais da asociación InvestiGal (Rede Galega pola Investigación), da que é secretario, subliñando o seu papel como “axente de diálogo na dignificación da carreira investigadora”.

20 charlas para presentar as liñas de traballo dos e das novas investigadoras

Ao longo da mañá, sucedéronse preto de vinte charlas breves, nas que as científicas e os científicos participantes presentaron o seu traballo nos diversos ámbitos da ciencia, destacando a biomedicina como temática central. As e os poñentes abordaron temas como o papel de TBX4 na hipertensión arterial pulmonar, o machine learning para o deseño molecular; o uso de neuroestimulación do cerebelo para comprender comportamentos sociais; a xenética de poboacións aplicada a pesqueiras en Groenlandia; ou a biodiversidade do solo e a súa importancia para a saúde dos agroecosistemas.

A xornada rematou coa elección das tres mellores intervencións tras a votación das e dos asistentes. Buscando condensados biomoleculares no ciclo celular, de Tomás Edreira, da University of Gothenburg de Suecia, foi elixida a mellor charla do encontro, seguida de Genetic causes of multiple congenital melanocytic naevl, de Alicia L. Bruzos de The Francis Crick Institute (UK) e Heterophagy in the skeletal muscle, da investigadora Laura Pena do CNIC.

Durante o acto de apertura, anunciouse que a próxima sede que acollerá o IYI Meeting será Santiago de Compostela, co obxectivo de “dar visibilidade aos centros de investigación de Galicia”, sinalou María Mayán.