DUVI

Diario da Universidade de Vigo

15 colexios toman parte nas actividades dun proxecto financiado pola Fecyt e o Consello Social

Preto de 800 escolares de Vigo e Pontevedra achéganse ás aplicacións das matemáticas na vida cotiá

O seu obxectivo é espertar “vocacións matemáticas” entre o alumnado de primaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 29/11/2022

Preto de 800 alumnos e alumnas de doce colexios de Vigo e de tres de Pontevedra participan o longo do presente curso nun proxecto dirixido a estimular as “vocacións matemáticas” dos nenos e nenas de primaria e a amosarlles as múltiples aplicacións desta ciencia na vida cotiá. A través dos talleres que o estudantado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte imparte nestes 15 colexios e dunha serie de encontros con investigadoras e investigadores, Te lo cuentan las matemáticas busca rachar coa percepción desta ciencia como algo desconectado da vida cotiá e cun modelo de aprendizaxe baseado na aplicación de regras de forma mecánica. O seu obxectivo é que os nenos e nenas “non só saiban que as matemáticas son útiles, senón que poidan comprender o papel que xogan no mundo que lles rodea”, explica a profesora Marta Pérez, coordinadora dun proxecto que conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología-Ministerio de Ciencia e Innovación e do Consello Social da Universidade de Vigo.

Promovido polo grupo de innovación docente MaReMa (Materiais e Recursos para as Matemáticas), trátase dun programa que “apoia a ensinanza da materia desde un punto de vista científico, tecnolóxico, atractivo, innovador e complementario aos currículos”. Con ese obxectivo, comprende, por unha banda, a organización en cada trimestre dunha serie de talleres, de carácter manipulativo e tecnolóxico, que permiten ao estudantado de 5º e 6º de primaria achegarse ás aplicacións das matemáticas en múltiples eidos, desde a astronomía e a espionaxe, ata a xeración de mapas ou o uso da estatística no deporte. “Buscamos achegalos á importancia que teñen as matemáticas na súa vida cotiá dunha forma máis tanxible, que coñezan e comprendan as súas aplicacións”, salienta Pérez dun proxecto que reúne na súa terceira edición o maior número de participantes ata a data. “A verdade é que estamos moi satisfeitas coa resposta”, recoñece a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dunha iniciativa que se complementa á súa vez con actividades formativas e recursos educativos para o profesorado.

Ademais dos talleres que se levan a cabo nos 15 colexios participantes e que son impartidos maioritariamente polo alumnado do Grao en Educación Primaria, Te lo cuentan las matemáticas, comprende tamén unha serie de encontros con investigadoras e investigadores, que buscan contribuír a espertar esas vocacións nos nenos e nenas, así como pór o foco nos nesgos de xénero existentes neste eido. 

Aplicacións prácticas e matemáticas de referencia

Estruturado en tres bloques temáticos para o alumnado de quinto e noutros tres diferentes para o de sexto, este proxecto educativo toma como punto de partida “unha figura matemática e unha aplicación cotiá” na articulación dos contidos que se imparten cada trimestre. Así, neste mes de novembro desenvolvéronse nos colexios dous talleres, “un de carácter tecnolóxico e outro de carácter manipulativo”, correspondentes cos bloques de Te lo cuenta la criptografía y Te lo cuentan los códigos, dirixidos tamén á por de relevo as traxectorias das matemáticas Ada Lovelace, Agnes Meyer Discroll e Dorothy Vaughan.

As achegas destas matemáticas e matemáticos de éxito tamén son abordadas nos “encontros inspiradores” que pechan as actividades de cada trimestre e que combinan a asistencia presencial co seguimento virtual a través de UVigo-TV. Trátase de coloquios con novas investigadoras e investigadores en matemáticas, que ademais de afondar nas figuras seleccionadas presentan tamén o seu “percorrido profesional e científico”, co propósito visualizar ante os escolares a profesión de investigador en matemáticas. 

No segundo trimestre, a actividade continúa cun bloque centrado nas aplicacións das matemáticas na astronomía e na figura de Hipatia de Alexandría e outro dedicado os movementos, no que os escolares coñecerán o traballo de Emmy Noether e verán como as matemáticas fan posible crear un GIF. Por último, no terceiro trimestre o alumnado de quinto participará nas actividades de Te lo cuentan los mapas, coas que coñecerán as achegas de Maryam Mirzakhani e J. Carl Friedrich Gauss, mentres que o de sexto afondará nos diferentes usos da estatística e na figura da matemática Florence Nightingale en Te lo cuentan los datos

Ir máis aló dos 800 participantes presenciais

Tanto nos talleres como nos encontros participa o alumnado dos CEIP vigueses Alfonso R. Castelao, Chans-Bembrive, Emilia Pardo Bazán, Escultor Acuña, Frian-Teis, García Barbón, Igrexa-Candeán, Mestres Goldar, Paraixal, Pintor Laxeiro, Ramón y Cajal e Virxe do Rocío, así como os colexios pontevedreses de San Martiño, Cabanas e Santo André de Xeve. Mais, como sinala Pérez, este proxecto busca tamén ir máis aló dos 800 participantes presenciais e “chegar a cantos máis nenos e nenas poidamos, co obxectivo de fomentar na sociedade a utilidade das matemáticas”. Con esa idea, Te lo cuentan matemáticas conta cunha área de recursos na súa web que reúne “materiais que calquera docente pode usar nas súas aulas” e que irá nutríndose de novos contidos ao longo do curso, “que poden ser utilizados tanto no último ciclo de primaria como en primeiro e segundo da ESO”. Ao mesmo tempo, o proxecto abrangue tamén o desenvolvemento cursos formativos específicos para docentes centrados no traballo das matemáticas a través “desta metodoloxía baseada en talleres”. 

Xunto a Pérez, o equipo responsable do proxecto está integrado polos profesores da UVigo José Manuel Casas, Xabier García e Ixchel Dzohara Gutiérrez, a investigadora predoutoral da Universidade de Santiago de Compostela Beatriz Álvarez e os profesores de primaria Lorena Fernández, do CEIP Chans-Bembrive; Benito Gil, do García Barbón; María Fernández, do Otero Pedrayo, e Abel Varela, do Frian-Teis.