DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle desde este luns a súa IX Semana de Recollida de RAEE´s

Primeira cita do 2019 coa reciclaxe de aparatos eléctricos e electrónicos 

A anterior edición permitiu reunir máis de 150 aparellos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 05/02/2019

“Se se enchufa, leva pilas ou batería, nalgún momento será un RAEE que hai que reciclar”. Deste xeito preséntanse os RAEE´s, os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, nos materiais informativos da semana de recollida, que ao abeiro do proxecto Green Campus, a Vicerreitoría do campus promove por novena vez desde este luns. Ata este venres 8, as diferentes facultades e escolas, así como o Pavillón Universitario, a Casa das Campás e a Escola Infantil do campus, contan cun punto de recollida no que a comunidade universitaria pode depositar aqueles electrodomésticos, aparatos ou compoñentes informáticos, garantindo así o seu traslado e tratamento por un xestor autorizado.

“Trátase dunha actividade sinxela, pero importante dentro das actividades do Green Campus”, salienta Carlos Souto, director do Green Campus e Campus Crea, dunha iniciativa que ten como obxectivos tanto promover o correcto tratamento duns residuos que contan con compoñentes contaminantes como contribuír á concienciación do alumnado neste eido. “É unha actividade pensada para a comunidade universitaria, para que poida tamén traer cousas que ten na casa e que non sabe moi ben que facer con elas”, sinala Souto dunha iniciativa que conta coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade. Tralo remate desta IX Semana de Recollida de RAEE´s, os obxectos depositados serán retirados por unha xestora autorizada, ao mesmo tempo, explica Souto, “que unha parte do que se recolla destínase ao Gruvi (Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo), xa que son aparellos dos que se poden aproveitar pezas ou que mesmo se poden reparar”. 

Tres edicións por curso

Esta semana de recollida forma parte das medidas recollidas no plan de acción do proxecto Green Campus, que permitiu á Pontevedra obter a bandeira verde que outorga a FEE (Foundation for Environmental Education), a través da asociación ADEAC, no que está previsto a celebración de tres edicións no presente curso académico. A primeira delas tivo lugar de feito o pasado mes de outubro e permitiu reunir, nos diferentes puntos de recollida, un total de 152 parellos, electrodomésticos e compoñentes informáticos.