Impulsada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, co apoio da Deputación de Pontevedra
A primeira parte do ciclo A lingua galega no cinema remata esta semana cunha sesión de curtametraxes
O xoves no edificio Cambón ás 19.00 horas coa proxección de cinco pezas audiovisuais
Este xoves, 9 de maio, remata a primeira parte do ciclo A lingua galega no cinema, unha actividade impulsada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, co apoio da Deputación de Pontevedra, e coordinada polo director e crítico Simone Saibene, e farao cunha sesión dedicada integramente ao mundo das curtametraxes.
Ás 19.00 horas, no edificio Cambón, Centro de Visitantes do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, proxectaranse Xoves de comadres, de Noemí Chantada; Mentres iso pasa, de Nacho Ozores; Sandwich Cat, de David Fidalgo; A rabia, de Alberto Díaz; e Nena, de Xosé A. Touriñán e Jairo Iglesias. Nesta cita estarán presentes os directores e directoras das obras e, posteriormente, haberá un coloquio co público, moderado polo crítico e programador Severiano Casalderrey e a profesora da Universidade de Vigo Aroa Vázquez. A entrada é de balde ata completar a capacidade.
Boa participación na primeira parte do ciclo
A primeira parte do ciclo A lingua galega no cinema desenvolveuse nos meses de abril e de maio cunha boa participación. Comezou o 2 de abril coa proxección de Os espazos en branco, de Bruno Arias, gañador do premio ao mellor documental nos últimos Mestre Mateo. Nesta peza o director trata de recuperar a memoria da súa tía, a poetisa Xela Arias, que faleceu cando el tiña 5 anos e a que apenas lembra. Ao longo das sesións tamén se proxectaron Pelerinaxes, A illa das mentiras e O soño da sultá; estas últimas coa presenza da actriz Victoria Teijeiro e da produtora Chelo Loureiro, gañadora de catro premios Goya. O ciclo tamén contou cunha mesa redonda titulada A lingua animada en Galicia, sobre o extraordinario momento que está a vivir o cine de animación en Galicia.
Aínda coa sesión pendente deste xoves, o coordinador, Simone Saibene, amosa a súa satisfacción pola acollida desta primeira parte do ciclo, xa que “os encontros co público foron moi estimulantes e enriquecedores. O público vigués respondeu con moito interese e participou activamente nos interesantes debates que seguiron ás proxeccións. O cine galego está a vivir un dos seus mellores momentos e o ciclo demostrou unha vez máis a súa excelencia a través de obras de diferentes formatos e xéneros”.
Pola súa banda, Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, tamén traslada a súa satisfacción cos resultados desta innovadora experiencia, “que amosa que a nosa lingua está presente de forma significativa nun dos eidos máis relevantes da cultura, o cinema”. Ademais, celebra a aposta que fan polo galego desde as direccións e as producións da sétima arte.
A mesma satisfacción maniféstaa a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, tralo éxito de crítica e público dun ciclo que, segundo sostén, “foi testemuña do bo momento que está a atravesar o noso cinema e en xeral todo o noso sector audiovisual”. Engade a responsable provincial que “tivemos unha oportunidade única de coñecer algúns dos maiores expoñentes deste gran momento tanto a nivel creativo, como de recoñecementos e comercial, e poder coñecer un pouco mellor aos nosos cineastas e o que nos quixeron contar a través da pantalla”.
O ciclo terá unha segunda parte o vindeiro outono.