DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto transfronteirizo Emprende Makers

O primeiro Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación abordará os retos do sector turístico en Galicia e norte de Portugal

A fase final terá lugar o 14 e 15 de outubro na Escola Superior de Enxeñaría Informática

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 12/09/2022

O primeiro Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación abordará os retos de sostibilidade do sector turístico en Galicia e norte de Portugal. A iniciativa, nada no marco do proxecto transfronteirizo Emprende Makers, reunirá a alumnado, emprendedores e profesionais de diferentes eidos para facer propostas innovadoras e cun importante compoñente tecnolóxico neste eido.

A iniciativa forma parte do proxecto Emprende Makers, aprobado na segunda convocatoria do programa Interreg V A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 e cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Liderado polo Concello de Ourense, Emprende Makers ten como entidades beneficiarias, na parte galega, á Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e á Universidade de Vigo, e por parte lusa ás cámaras municipais de Paredes de Coura, Melgaço e Vila Nova de Famalicão e á Universidade do Minho. O proxecto pretende crear e desenvolver unha rede de emprendemento baseada en centros de fabricación dixital e prototipado da Eurorrexion Galicia-norte de Portugal que actuará como un espazo común de innovación tecnolóxica e creativa.

A convocatoria do Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación foi presentado este luns no campus de Ourense por Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática; Armando Ojea, tenente alcalde do Concello de Ourense, e César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense. Francisco Javier Rodríguez subliñou que, en xeral, “temos todos a idea de que un hackathon é un evento só de informática, de programación, pero neste caso buscamos que sexa un laboratorio de ideas multidisciplinar, evidentemente cun compoñente de informática, web ou tecnoloxía” e centrado nun reto concreto. Pola súa banda, Armando Ojea lembrou "a sensibilidade" do Concello de Ourense “coa promoción de todo o que é a tecnoloxía punteira” e coas “medidas de sostibilidade”, destacando que “a sostibilidade no turismo empeza a ser unha cuestión que comeza a ser delicada” debido á súa masificación. Por último, César Fernández subliñou que Emprende Makers é un exemplo "da colaboración e cooperación institucional e administrativa" e puxo en valor deste Hackathon o feito de que permite “recoller as ideas da sociedade” e fomentar a participación cidadá na mellora da sostibilidade turística, a competitividade e o talento.

Creatividade, economía e innovación

Un hackathon, explican desde a organización do evento presentado este luns, reúne a “alumnado ou profesionais de diferentes ámbitos e ten como principal obxectivo resolver desafíos nun tempo específico, curto e continuo”. A pesar de que os retos se encadran xeralmente no ámbito da programación, o hardware ou o contido técnico, nesta ocasión, na convocatoria do Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación en Ourense tamén se poden incorporar elementos de transformación dixital, a xestión de procesos, o deseño de proxectos e ideas e o estudo de casos, abrindo deste modo o evento a perfís multidisciplinares e interxeneracionais e facendo converxer creatividade, economía e innovación. Así, o obxectivo deste primeiro Hackathon é descubrir, seleccionar e premiar as mellores solucións innovadoras para o desenvolvemento do turismo sostible en Galicia e na rexión do norte de Portugal. As propostas poden estar centradas en calquera ámbito urbano, rural ou natural deste territorio, así como calquera outra vila, comarca ou paraxe singular. O desafío é aumentar o turismo en Galicia, Norte de Portugal ou en ambas rexións cun enfoque transfronteirizo. “Buscamos solucións tecnolóxicas, deseños de proxectos ou procesos innovadores que contribúan á mellora do posicionamento de Galicia, o norte de Portugal ou de ambos espazos como destino turístico”, sinalan desde a organización. Os proxectos deberán centrarse nun ou en varios dos elementos diferenciadores deste territorio ou calquera outro elemento do seu patrimonio natural ou cultural, material ou inmaterial. Estes elementos deberán estar integrados nas propostas a presentar de forma que poidan funcionar como pancas para aumentar a afluencia de visitantes e a atracción de turismo de calidade.

A actividade terá un formato híbrido (primeira fase on-line) e segunda fase (final), que se celebrará de modo presencial na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense os días 14 e 15 de outubro. Os equipos serán de tres a cinco persoas, equipos que poden presentarse xa pechados ou ser formados pola organización no caso das persoas que se inscriban a título individual. Tras a configuración de equipos e a admisión das súas ideas de proxecto, comezará unha fase de mentorización virtual de cada proposta a cargo de especialistas para na fase presencial rematar os proxectos e presentalos ao xurado. Catro serán os equipos premiados, oscilando a contía dos galardóns dos 500 aos 2000 euros. A inscrición está aberta ata o 25 de setembro a través da web do evento.

Outra convocatoria de formación

Tamén no marco do proxecto Emprende Makers, desde o vindeiro 15 de setembro e ata o 7 de outubro desenvolverase unha formación sobre design thinking e fabricación dixital organizada polo Concello de Ourense e desenvolvida polo equipo de Designthinking.gal coa colaboración da Universidade de Vigo. Nesta actividade de balde, de 56 horas de duración (36 on-line e 20 presenciais), as e os asistentes familiarizaranse con metodoloxías de referencia no eido da innovación e aprenderán a realizar o ciclo completo dun produto, desde detectar necesidades ou xerar ideas innovadoras ata realizar prototipos funcionais ou presentar un proxecto da man de profesionais de referencia.