DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Logo do lume que destruíu o sábado o taller no que traballaba a escudaría UVigo Motorsport

Na procura dun novo espazo e de fondos para continuar coa construción do UM26

A policía científica acudiu hoxe a lugar do sinistro e determinou que foi un accidente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 23/02/2026

Transcorridas máis de 48 horas desde que un lume arrasase na madrugada do pasado sábado o taller onde a escudaría UVigo Motorsport traballaba na construción do UM26, as e os integrantes do equipo formado por preto de 80 estudantes de diferentes titulacións que se imparten na UVigo, centran os seus esforzos, en colaboración coa Vicerreitoría de Planificación, na procura dun espazo onde poder continuar coa montaxe do monopraza co que a UVigo competirá o vindeiro verán no Formula Student, como vén facendo na última década; así como de fondos, a través dunha campaña de micromecenado, lanzada hoxe, que lles permitan facer fronte ás perdas materiais ocasionadas polas lapas.

Mentres intentan recuperarse do susto e do contratempo que para o desenvolvemento do proxecto supón este accidente, esta mesma mañá algúns membros do equipo estiveron presentes mentres a policía científica estudou o escenario do lume, anexo á Escola de Enxeñaría Industrial, determinando que ocorrido foi un accidente. “Cremos que puido ser un curtocircuíto de algo que quedou conectado no taller”, explica Marta Cabo, team leader do equipo, en relación coa orixe do incendio, do que o servizo de seguridade do campus alertou aos integrantes da escudaría e estes ao 112 na madrugada do sábado.

Na procura dun lugar de traballo alternativo

Co alivio que supón que non se rexistrasen danos persoais, algo que, lembran podería suceder xa que avanzado o proxecto ao alumnado queda a traballar algúns días ata altas horas da madrugada, “ao mellor estás coa máscara, non ules, non escoitas nada e poderías quedar atrapado no medio de todos os produtos químicos que tiñamos dentro do taller”, detalla Marta Cabo, a prioridade para a escudaría é neste intre poder dispor dun espazo no que continuar co traballo.

“Isto é o realmente urxente e o ideal sería ter un lugar onde estar próximo ao taller que se queimou e non ter que movernos a outro lugar, pero bueno, non nos imos pór exquisitos . Só queremos seguir traballando para poder sacar o coche adiante nos prazos máis semellantes aos que tiñamos previstos”, explica a team leader de UVigo MotorSport. Aínda que son conscientes de que esta semana ou a seguinte non poderán seguir traballando, porque tamén se rexistraron danos nos equipos precisos para a construción do vehículo, agardan poder en breve recuperar o ritmo que tiñan antes de rexistrarse o lume.

Neste sentido e co obxectivo de prover dunha alternativa á escudaría, desde a UVigo se está a traballar na procura dun espazo alternativo ao taller afectado polo lume, “para que o equipo poida continuar traballando no tempo máis breve posible”, sinala Félix Quintero, vicerreitor de Planificación e Sostiblidade, que explica que “barallamos todas as posibilidades, pero dando prioridade a que poida ser cerca da EEI”.

Micromecenado para enfrontar as perdas materiais

O chasis do UM26 é sen dúbida para o equipo a peza máis importante das afectadas polo lume, aínda que, a falta dun estudo en profundidade, “agardamos que sexa recuperable e non teñamos de empezar de novo con ela”, agada Marta Cabo. Outro tanto sucede cun motor que se atopaba no momento do incendio ao lado do chasis e que tamén esperan que se poida recuperar. Peor sorte correu unha máquina de soldar, mercada hai menos dun ano“e que quedo completamente fundida e inutilizable”, así como numerosas ferramentas que se atopaban no taller no momento de declararse o lume.

Para poder enfrontar as numerosas perdas materiais que se produciron no incendio, o equipo lanzou hoxe unha campaña de micromecenado en Gofundme onde agardan recadar ata 37.000 euros, “para que tanto particulares como empresas que coñezan a situación e queiran colaborar con nós, poidan doar fondos para facilitar a recuperación do todo o material que perdemos”, detalla Marta Cabo.

Pola súa banda o prototipo do ano pasado, o UM25, non sufriu dano algún ao atoparse nun furgón aparcado nas inmediacións do taller sinistrado, porque o equipo tiña previsto acudir con el a facer unhas probas.