DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O manifesto conta co apoio de trece sociedades científicas estatais

O profesor Emilio Rolán coordina unha iniciativa que demanda a revisión dos contidos sobre evolución nos plans do ensino preuniversitario

Denuncian que o alumnado ingresa na universidade sen apenas coñecemento sobre a evolución biolóxica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 11/05/2021

A teoría evolutiva é un dos grandes piares da ciencia moderna, pero os estudantes chegan á etapa universitaria cun coñecemento moi básico sobre a evolución biolóxica. É por isto que trece sociedades científicas españolas impulsan un manifesto no que alertan da necesidade dunha revisión dos contidos sobre evolución nos plans de ensino preuniversitarios. Esta acción está coordinada polo catedrático da Universidade de Vigo e investigador do CIM (Centro de Investigación Mariña), Emilio Rolán. O docente está moi implicado neste reto de poñer a España ao mesmo nivel que outros países da contorna, nos que os contidos clave sobre a teoría da evolución comezan a impartirse en Educación Primaria de xeito obrigatorio e continúan incorporándose de gradualmente ao longo da Educación Secundaria e o Bacharelato. De feito, o investigador da UVigo foi un dos impulsores dun manifesto asinado o ano pasado por docentes de universidades españolas no que alertan desa escasa formación dos estudantes sobre a teoría evolutiva en todas as etapas educativas. 

Agora son a Sociedad Española de Biología Evolutiva; a Asociación Primatológica Española; a Sociedad Ibérica de Ecología; a Asociación Científica de Psicología y Educación; a Sociedad Española de Epidemiología; a Asociación Catalana de Comunicación Científica; a Sociedad Española de Biología del Desarrollo; a Sociedad Española de Inmunología; a aSociedad Española de Fitop atología; Sociedad Española de Biotecnología; a Sociedad Española de Neurología; a Sociedad Española de Investigación sobre el Cáncer e a Sociedad Española de Óptica as que dan o seu apoio a esta reivindicación con esta manifesto. Consideran que “un coñecemento adecuado desta teoría facilita a comprensión das nosas propias especies no contexto de toda a biota do planeta e pon nun contexto histórico a importancia da diversidade biolóxica, a variación xenética e fenotípica, sendo especialmente importante en áreas como a medicina, a conservación de biodiversidade, agricultura e epidemioloxía, entre outros”. 

Por debaixo dos países da nosa contorna

Os asinantes deste manifesto poñen o foco sobre evidencias de que o grao de coñecemento da teoría evolutiva entre os estudantes españoles “é inferior ao dos países de referencia que nos rodean”. Esta diferenza, sosteñen, é consecuencia do lugar que ocupan estes contidos nos plans de estudos. Así, “mentres que en varios países a ensinanza da evolución comeza en etapas iniciais e realízase gradualmente, favorecendo a consolidación dos seus principios básicos ao longo do ciclo formativo, en España apenas hai contido curricular relacionado con esta teoría nos niveis básicos da educación”.  Isto provoca, denuncian, que os estudantes cheguen ás universidades “con poucos coñecementos sobre evolución biolóxica, o que é aínda máis grave para aqueles que acceden a facultades en áreas como bioloxía, medicina e agronomía. Nos últimos anos, a conciencia da existencia dun grave problema no noso sistema educativo foi crecendo gradualmente neste sentido”.

Creación dun comité nacional 

As trece sociedades científicas asinantes deste documento demanda a creación dun comité nacional para a avaliación e revisión de contidos docentes en bioloxía evolutiva desde primaria ata bacharelato como “un paso previo a un cambio na lei que especifica o marco de aprendizaxe preuniversitaria”. Tamén remarcan que esa lei debería buscar o máximo apoio e consenso tanto entre os partidos políticos como entre a comunidade docente pre e universitaria. Este comité, consideran, debe contar co apoio de especialistas nas distintas áreas temáticas implicadas, “buscando así a máxima solvencia técnica posible”, conclúen.

Manifesto completo