DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con 400.000 socios, é a maior asociación profesional do mundo no eido da enxeñaría eléctrica e elect

O profesor Juan José Rodríguez Andina, nomeado fellow do Institute of Electrical and Electronics Engineers, IEEE

O docente recoñece que este é “indubidablemente o fito máis importante” da súa carreira

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Premios
  • Académica
M. Del Río DUVI 25/11/2022

Con máis de 400.000 membros en todo o mundo, o Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) é a maior asociación profesional no ámbito da enxeñaría eléctrica e electrónica e áreas afíns. De todos eles, tan só o 0,1% acada cada ano a categoría de fellow, unha distinción coa que acaba de ser recoñecido o profesor da UVigo Juan José Rodríguez Andina, do Departamento de Tecnoloxía Electrónica.

O docente únese así ao catedrático da EE de Telecomunicación e investigador de atlanTTic Fernando Pérez, que era ata agora o único membro da Universidade de Vigo que ostentaba esta distinción. En total, en España hai 58 membros fellow da IEEE e en Galicia tan só un máis, un docente da Universidade de Santiago de Compostela. Con este nomeamento, a Universidade de Vigo convértese nunha das dez únicas en España que contan con, polo menos, dous IEEE Fellows.

Rodríguez Andina explica que a categoría de IEEE Fellow “é a máis alta dentro desta asociación, e é unha honra que se concede a profesionais que “teñan realizado contribucións, principalmente publicacións en revistas de prestixio, patentes e transferencia de tecnoloxía, especialmente relevantes nalgunha área dentro do ámbito da asociación”, no seu caso polas achegas aos sistemas embebidos ou empotrados na electrónica industrial. Rodríguez Andina destaca tamén o valor engadido deste recoñecemento, ao provir “de colegas de profesión de todo o mundo”. 

O docente, que actualmente está realizando unha estadía de investigación en China, explica que para el este é “indubidablemente o fito máis importante” da súa carreira “ata o momento”, pero tamén considera que esta distinción “demostra a calidade e o nivel del traballo que se realiza na Universidade de Vigo, posto que estes logros, aínda que se conceden a título individual, só son posibles cando se conta con contornas e grupos de traballo de gran calidade”. Por outra banda, salienta que acadar o grao de IEEE Fellow “proporciona unha gran visibilidade”, algo que queda confirmado polas 3000 visitas que recibiu o seu perfil nunha rede social exclusivamente profesional nos dous días seguintes ao seu nomeamento. Neste sentido, engade, o “prestixio e visibilidade” que trae consigo esta distinción “axudan a establecer colaboracións con investigadores punteiros de todo o mundo”.

Un proceso “rigoroso e esixente”

O nomeamento como IEEE Fellow outórgase tras un “moi rigoroso e esixente” proceso de selección que se estende entre febreiro e novembro cada ano, ao longo de varias etapas nas que sucesivos comités avalían e seleccionan os candidatos”. O proceso é complexo e comeza coa presentación da candidatura por parte doutro fellow da organización, xunto cunha relación dos méritos máis destacados do aspirante en materia de investigación e o respaldo de ata outros oito fellows, ademais de institucións ou empresas nas que o candidato xogase un papel relevante. A partir de aí comeza un proceso de avaliación que, de resultar positivo, culmina co nomeamento por parte do Consello de Directores do IEEE. 

O 30% da literatura mundial nestes eidos

Ademais de ser a maior asociación profesional de todo o mundo no eido da enxeñaría eléctrica e electrónica, baixo o lema Advancing Technology for Humanity, a IEEE publica o 30% da literatura mundial nestes campos e ten desenvolto multitude de estándares, “dos que uns 1000 están activos”, como lembra Rodríguez Andina. Ademais, esta entidade organiza máis de 400 congresos internacionais ao ano, algún dos cales tivo lugar en Vigo.

O Institute of Electrical and Electronics Engineers, IEEE, estrutúrase en ‘sociedades’, cada unha delas centrada nun eido temático específico. En concreto, o  profesor Rodríguez Andina leva máis de 20 anos colaborando coa IEEE Industrial Electronics Society en distintas actividades, “principalmente relacionadas con edición de revistas, organización de congresos e elaboración de estándares”. De feito, entre 2016 o 2021 o docente da UVigo exerceu como vicepresidente desta sociedade e previamente, en 2013, foi nomeado editor xefe da IEEE Industrial Electronics Magazine, unha das revistas de enxeñaría eléctrica e electrónica de maior impacto mundial. Ademais, a IEEE Industrial Electronics Society recoñeceu en 2020 a súa excelencia académica e investigadora co premio Anthony J. Hornfeck Award.