DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foille entregada este xoves polo Ministerio de Sanidade

O profesor da UVigo Manuel Isorna recibe a Cruz Branca da Orde ao Mérito do Plan Nacional sobre Drogas

En recoñecemento á súa traxectoria docente e investigadora neste eido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Ourense 15/10/2026

O Ministerio de Sanidade entregou este xoves en Madrid ao profesor da Universidade de Vigo Manuel Isorna a Cruz Branca da Orde ao Mérito do Plan Nacional sobre Drogas. O galardón supón, tal e como indica o homenaxeado, un respaldo explícito á súa dilatada traxectoria de investigación científica orientada á transferencia social neste eido.

As condecoracións da Orde ao Mérito do Plan Nacional sobre Drogas, reguladas por Real Decreto, son outorgadas anualmente pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas co fin de recoñecer publicamente o labor de persoas e institucións que destacaron polo seu esforzo, dedicación e achegas extraordinarias na prevención, o tratamento, a rehabilitación e o control das adiccións. Con este distintivo, o estado visibiliza aquelas traxectorias que, desde a investigación, a práctica clínica, o traballo comunitario ou o labor policial e xudicial, contribúen de maneira decisiva a protexer a saúde pública e o benestar social fronte aos riscos do consumo de substancias e as adiccións comportamentais. 

Diferentes liñas de traballo

Manuel Isorna é profesor titular do Departamento de Análise e Intervención Psicoeducativa da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e director do Mestrado en Prevención e Abordaxe Multidisciplinar das Drogodependencias e Condutas Aditivas. Ademais, é presidente autonómico da sociedade científica Socidrogalcohol en Galicia e de diferentes congresos internacionais sobre adiccións celebrados nesta comunidade autónoma. Na súa dilatada traxectoria destaca o seu traballo en “conceptualización da prevención de adiccións baseada na evidencia científica, avogando sempre por marcos metodolóxicos rigorosos e avaliados empiricamente”. 

A súa prolífica produción científica, plasmada en numerosas publicacións en revistas internacionais de alto impacto e obras colectivas de referencia, abarca campos diversos. En primeiro lugar, Isorna cita a prevención escolar, familiar e comunitaria, profundando na eficacia dos programas de intervención precoz nas diferentes contornas de socialización de menores e mocidade. En segundo lugar están as adiccións comportamentais e o uso problemático das novas tecnoloxías, con investigacións sobre o impacto dos videoxogos, o xogo de azar (gambling), o uso problemático de internet e as redes sociais na poboación adolescente. Completa esta listaxe a análise crítica dos patróns de consumo de substancias psicoactivas (como alcol, tabaco, cigarros electrónicos, cachimbas ou cannabis), estudando factores de risco, diferenzas de xénero, comorbilidades con trastornos como o TDAH, e o impacto de fenómenos emerxentes como a captura corporativa, as estratexias de rebranding da industria ou a desinformación en redes (fake news pro-cannabis).

Na súa traxectoria tamén destaca a dirección do citado Mestrado en Prevención e Abordaxe Multidisciplinar das Drogodependencias e Condutas Aditivas da UVigo e a USC, “un programa de posgrao pioneiro no sistema universitario galego e nacional que capacita ás novas promocións de profesionais da medicina, psicoloxía, pedagoxía, educación social, traballo social e as ciencias da saúde baixo un estrito rigor metodolóxico”. 

Antes de centrarse plenamente na súa traxectoria universitaria, Manuel Isorna tamén traballou como impulsor e coordinador de programas de prevención comunitaria de adiccións no ámbito municipal. Entre eles destaca a coordinación dun programa mancomunado con sede no Concello de Catoira e posteriormente en Caldas de Reis. Estas experiencias, comenta o homenaxeado, foron recoñecidas a nivel estatal con galardóns da Federación Española de Municipios e Provincias e da Cruz Vermella Española, “situando a Galicia á vangarda das boas prácticas preventivas locais”. Ademais da súa faceta académica e científica, o profesor da UVigo subliña na súa traxectoria o seu activismo social, “participando activamente como patrón e colaborador da Fundación Galega contra o Narcotráfico e asesorando habitualmente a grupos de traballo institucionais en políticas de saúde pública”.