DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A docente Juli Molares aborda nun libro a importancia do “personal branding”

Unha profesora de CCSS e da Comunicación desenvolve un método para xestionar a propia ‘marca persoal’

A través dunha serie de pasos busca guiar na mellora da identidade visual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 23/12/2020

Achegar unha primeira aproximación a que constitúe unha “marca persoal” e pór de relevo a súa importancia, tanto a nivel persoal como profesional, para logo presentar un método dirixido a xestionar dentro desta a propia imaxe e visibilidade. Estes son os obxectivos que a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Juli Molares persegue no seu libro El Branding Self-Cheking. El método para gestionar tu imagen dentro del personal branding, unha publicación na que presenta o método que desenvolveu para a “autoxestión” dunha das dimensións da marca persoal como é a visibilidade, “a forma na que te presentas ao mundo”. 

“Ao final, todo o mundo ten unha marca persoal e saber xestionala sempre che vai levar a un sitio mellor que no que estás agora mesmo”, sostén Molares, que explica que o personal branding agrupa por unha banda a esencia, “que é a suma dos teus valores, atributos, capacidades, rede de contactos, mensaxes, verdade e presenza dixital”, e por outra, a imaxe física. “O marca persoal é esa pegada que deixas nos demais cando entras en contacto con eles”, sinala a docente no texto de presentación dun libro que é a súa vez resultado da tese de doutoramento que, baixo a dirección da catedrática Aurora García, defendeu en 2016 nesta facultade do campus pontevedrés e na que buscaba “demostrar a eficacia dun método para a autoxestión da túa marca persoal”, recollido agora nesta publicación.

Dentro dos diferentes aspectos que abrangue este concepto de marca persoal, o método céntrase “nunha parte concreta da marca persoal, que á xestión da túa visibilidade”, sinala Molares. “Lonxe de frivolidades” trátase dun aspecto “importante a nivel profesional, que pode ser de axuda nesta época de incertezas”, sinala. “A imaxe ten que estar apoiada por uns coñecementos e unha personalidade, pero pode ser unha axuda”, salienta a autora do libro.

Coñecer e aprender a xestionar

En primeiro termo, esta publicación recolle unha aproximación teórica ao concepto de marca persoal e aborda os seus diferentes roles, o autocoñecemento, o branding dixital e o profesional, para logo deterse na “elaboración do plan de personal branding”, as súas fase e etapas. Nese senso, Molares pon de relevo que se trata dun ámbito no que “hai que ir sementando pouco a pouco”, e que implica ir máis aló da “imaxe que teñas nas redes sociais”, e ter en conta múltiples aspectos, “como a túa aparencia e visibilidade ou o tipo de mensaxes que emites”. 

Partindo deste marco xeral, Molares afonda no libro na “importancia da imaxe dentro da marca persoal" e nas diferentes variables que sería preciso xestionar. Trátase en concreto, da harmonía de cor, de “saber que cores che quedan ben e mal”, segundo o tipo de pel, ollos e cabelo, a morfoloxía, o vestiario e o tipo de rostro, que permite coñecer que tipo de lentes ou peiteados poderían ser os máis adecuados. Finalmente, o libro péchase cuns cuestionarios “nos que pór en práctica eses coñecementos e realizar a túa propia avaliación”, explica Molares, que incide na “gran capacidade comunicativa” da imaxe física, lembrando nese senso un estudo realizado por investigadores das universidades de Harvard e Nova York "que di que en menos de sete segundos somos analizados en base a once factores”, que van desde a ideoloxía política e o nivel económico á honestidade, credibilidade ou confianza.