DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido principalmente a alumnado pero tamén ás persoas interesadas neste tema

Profesorado de Enxeñaría Informática publica un manual de introdución á programación en Linguaxe C

O seu enfoque é fundamentalmente práctico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 24/02/2025

Profesorado da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense publicou recentemente o libro Introdución á programación en Linguaxe C. Nel preséntanse os fundamentos da programación procedemental en C++ cun enfoque eminentemente práctico, incluíndo numerosos exemplos explicados de código así como exercicios ao remate de cada capítulo.

O manual está editado polo Servizos de Publicacións da Universidade de  Vigo e a súa autoría corresponde a Mª Xosé Lado, Leandro Rodríguez, Pedro Cuesta, Arturo José Méndez e Xosé Antón Vila Sobrino. Este equipo forman parte do Departamento de Informática, Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos da UVigo, acumulando máis de 25 anos de experiencia en docencia teórico-práctica en diversas titulacións. No eido da investigación, acumulan igualmente unha dilatada traxectoria no marco do grupo LIA2, centrándose actualmente no estudo de sinais fisiolóxicos, análise de variabilidade da frecuencia cardíaca e desenvolvemento de ferramentas software neste campo.

Unha das linguaxes máis amplamente empregadas

A programación, sinala o equipo que realizou o manual, “é fundamental para o desenvolvemento de aplicacións cun impacto elevado en diferentes sectores, como poden ser a saúde, a educación ou as finanzas”. Na actualidade, engaden, a demanda de profesionais con competencias no desenvolvemento de ferramentas software ten experimentado un aumento significativo. Neste contexto, as e os autores do libro explican que a programación convértese nunha habilidade esencial para o estudantado de diversas enxeñarías, como pode ser do Grao en Enxeñaría Informática, alumnado que debe estar capacitado para a creación de software e solucións tecnolóxicas para problemas de diferente natureza.

Sobre a temática concreta elixida para a publicación, os seus responsables detallan que “unha das linguaxes máis amplamente empregadas para a aprendizaxe de programación é C++, linguaxe de propósito xeral que prepara ao estudantado para enfrontar desafíos no mundo real e que proporciona as ferramentas necesarias para o desenvolvemento de aplicacións robustas e eficientes”. Así, no libro preséntanse os fundamentos da programación procedemental en C++, abordando en detalle diferentes contidos: dende os conceptos máis básicos, como a terminoloxía empregada en tarefas de programación ou a definición de variables e constantes, ata temas máis avanzados, como o manexo de arquivos, a xestión dinámica de memoria ou o tratamento de cadeas de caracteres, a programación estruturada, os vectores ou as matrices. Trátase en total de once capítulos na que a abordaxe dos contidos se realiza dun xeito moi didáctico e aplicado, facendo fincapé na parte práctica.

Segundo explica o equipo da UVigo responsable da iniciativa, preténdese que os contidos desenvolvidos na publicación permitan ao alumnado e ás persoas interesadas “unha aprendizaxe sinxela desta linguaxe de programación, de xeito que se facilite unha posterior transición a outras linguaxes de programación, como poden ser Java o Python”.