DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os centros educativos da provincia de Ourense interesados en participar xa poden inscribirse

Profesoras do campus ensinarán a alumnado de Primaria a ler as etiquetas nutricionais e a escoller os produtos máis saudables

O obxectivo é axudar a frear o incremento de consumo de alimentos procesados e ultraprocesados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 01/10/2026

O incremento do consumo de alimentos procesados e ultraprocesados, con maiores contidos de azucres, sal e graxas saturadas, está a contribuír a elevar as cifras da obesidade infantil, que xa é o trastorno nutricional e metabólico máis frecuente na idade pediátrica. Conscientes desta problemática e co obxectivo de contribuír a atalla, oito profesoras do grupo de investigación Food and Health Omics da Universidade de Vigo poñen en marcha a segunda edición do proxecto Aprendo a ler o que como. Seguimos formando consumidores responsables dende a aula. 

Tratase dun proxecto financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) na convocatoria 2025 das Axudas para o Fomento da Cultura Científica e da Innovación. As profesoras implicadas, que imparten docencia no Grao de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, destacan que nesta edición contan tamén co apoio da Deputación de Ourense, do Concello de Ourense e da asociación de nais e pais dos centros educativos tanto públicos coma privados e concertados da provincia de Ourense. “A participación destes colectivos reflicte que previr a obesidade infantil desde idades temperás é un tema de grande interese para a nosa sociedade”, afirman. 

Obradoiros prácticos e máis actividades de balde

O proxecto desenvolverase en diferentes centros educativos de Educación Primaria da provincia de Ourense, tanto da cidade como da contorna rural, ao longo deste curso académico 2026-2027. Neste momento xa está aberto o período para que aqueles centros educativos que estean interesados en participar de balde se poidan inscribir a través da web do grupo de investigación Food and Health Omics.

A iniciativa proporcionará formación tanto aos nenos e nenas como as súas respectivas familias “para que os coñecementos e os bos hábitos alimentarios se consoliden na contorna familiar”. Concretamente, faranse distintos obradoiros práctico-deliberativos nos centros educativos co alumnado de Educación Primaria para ensinarlles a identificar na lista de ingredientes os azucres, as graxas saturadas, o sal e os estimulantes engadidos. Ademais, tamén aprenderán a ler a táboa da información nutricional para que poidan facer unha escolla máis saudable dos alimentos procesados que consomen. A formación das familias farase por dúas canles complementarias, combinando a formación virtual a través das redes sociais do proxecto coa formación presencial a través de charlas-coloquio para fomentar o debate e a resolución de dúbidas en materia de etiquetado alimentario. 

Finalizada a formación do alumnado e das súas familias realizaranse dúas actividades familiares “coa finalidade de potenciar a interacción entre os membros da unidade familiar e alcanzar un maior grao de adherencia ao programa formativo”. Entre elas desde a organización da iniciativa salientan un concurso provincial que se levará a cabo na Facultade de Ciencias, no que se outorgará un primeiro premio, valorado en 300 euros, e un segundo premio, valorado en 150 euros, ás familias gañadoras de cada un dos talleres que se celebrarán (un de azucres engadidos, un de graxas saturadas e outro de snacks e bebidas isotónicas/enerxéticas).

As profesoras responsables da iniciativa salientan a boa acollida e os bos resultados acadados na primeira edición de Aprendo a ler o que como. Seguimos formando consumidores responsables dende a aula, desenvolvido ao longo do curso académico 2023-2024 e no que participaron oito centros educativos e se formaron directamente a 850 nenos e nenas da provincia de Ourense. Nesta edición, o proxecto quere medrar e abranguer un maior número de colexios para formar a un maior número de alumnado, aspirando a chegar aos 1500 nenos e nenas.