A comunidade universitaria tamén pode optar por inscribirse en inglés e portugués
O programa de apoio lingüístico One2One amplía a súa oferta incluíndo por primeira vez francés
Consiste en sesións individuais con profesorado do Centro de Linguas
A implantación do programa personalizado de apoio lingüístico One2One non deixa de crecer e na súa terceira edición, que arranca nos vindeiros días, ofrecerá tres idiomas. Ao inglés e o portugués, que se viñan ofertando, únese a partir de agora o francés.
Esta iniciativa, impulsada pola Vicerreitoría de Internacionalización, ten como finalidade mellorar as habilidades de expresión, mediación e interacción oral da comunidade universitaria. Para facelo, optouse por sesións individuais e puntuais con profesorado do Centro de Linguas (CdL) que poden solicitar tanto estudantes, como PDI e PTXAS.
Como explica o director da Área de Plurilingüísimo, Óscar Ferreiro, “nesta ocasión contamos cunha importante novidade: ademais do inglés e do portugués, que tivo moito éxito na última edición, este ano tamén ofreceremos a opción de practicar francés”. Así, o One2One é agora tamén Frente a frente e Tête-à-tête.
Inscrición de balde, en calquera momento do cuadrimestre e con calquera nivel
O programa é de balde para todos os membros da comunidade universitaria e a inscrición está aberta durante todo o cuadrimestre para os tres idiomas: English One2One, Portugués Frente a frente e Francés Tête-à-tête. A actividade está financiada ao 100% pola Vicerreitoría de Internacionalización e non se esixe un determinado nivel para inscribirse, xa que o profesorado do Centro de Linguas adaptará a conversa ao nivel da persoa que reservou a clase.
Nas sesións traballaranse diversos aspectos, como a preparación dunha presentación para un evento científico, a defensa dun traballo fin de grao ou fin de mestrado en lingua estranxeira ou simplemente gozar dunha conversa informal para mellorar a fluidez. Como explica Ferreiro, as sesións, en modalidade virtual, adoitan durar entre 40 e 50 minutos.
80 participantes na pasada edición
O balance xeral da iniciativa está a ser, segundo o responsable da Área de Plurilingüísmo, “moi positivo” e “as persoas participantes están mostrando un grande interese e aproveitando as oportunidades de mellorar as súas competencias lingüísticas e culturais”.
Na pasada edición do programa One2One participaron un total de 80 persoas, distribuídas de xeito que o 42.5% eran membros do PDI, o 20% pertencían ao PTXAS e o 37.5% restante eran estudantes. “Foi unha participación bastante equilibrada entre os diferentes colectivos da nosa comunidade universitaria”.
Nesta nova edición, a introdución do francés “sen dúbida engadirá un valor extra ao programa, ampliando o seu alcance e facendo que sexa máis accesible a un maior número de persoas. Valoramos que este tipo de iniciativas fomenten a comunicación intercultural e melloren as competencias profesionais dos participantes”.