DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obxectivo é que se informe ao alumnado de programas, oportunidades e iniciativas para a xuventude

O programa de Correspondentes Universitarios/as busca manter á mocidade ben informada

As persoas interesadas poden inscribirse ata o 12 de novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 03/11/2021

Que os estudantes universitarios exerzan de vía de comunicación entre as propostas da Xunta de Galicia para a mocidade e os seus compañeiros. Este é o obxectivo do programa Correspondentes Universitarios/as impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que acaba de abrir o prazo de matrícula para unha nova convocatoria. As e os alumnos interesados en formarse e exercer como voluntarios dentro desta iniciativa poden inscribirse ata o vindeiro 12 de novembro. O obxectivo deste programa é que as persoas inscritas difundan entre o alumnado universitario información sobre programas, oportunidades e iniciativas de interese para a xente máis nova. Así, serán os propios estudantes, como correspondentes universitarios, os encargados de transmitir esa información, o que favorece así a súa participación activa tanto na elaboración como na difusión da información entre iguais.

Cal é o traballo dos voluntarios e voluntarias?

Para formarse e exercer como correspondente universitario é preciso estar matriculado nalgunha das titulacións das tres universidades durante o curso 2021/2022 e ter menos de 30 anos. Entre as súas funcións estará a difusión da información de interese para o alumnado da súa universidade, tanto académica como en relación coa emerxencia sanitaria derivada do coronavirus; xestionar regularmente o taboleiro ou sistema de información e asistir ás reunións de coordinación que se convoquen, así como aos cursos de formación organizados tanto polas distintas universidades como pola Xunta de Galicia.

Esta experiencia permitiralles ás persoas inscritas, ademais de recibir información xuvenil de interese, obter o Certificado de experiencia de educación non formal en materia de Xuventude, que recoñece o tempo dedicado a estas funcións como persoas voluntarias. Ademais, tamén recibirán de balde o carné de alberguista durante o curso en que se presten estes servizos e poderán participar nun encontro autonómico entre correspondentes no que tanto o aloxamento, como as comidas e a programación de actividades é gratuíta. Así mesmo, o tempo de participación no programa de voluntariado validarase por créditos ata un máximo de 6 ECTS.