DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes celebrou unha xornada inaugural de conferencias

O programa de doutoramento do Campus Auga arranca o curso con 70 estudantes inscritos de oito países

Ao seu abeiro téñense defendido oito teses de alumnado de España, Portugal e Camerún

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 20/09/2022

No curso académico 2017/2018 implantouse no campus de Ourense o Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento, no marco do proxecto de especialización deste campus como Campus Auga. Na actualidade están matriculados nel 70 estudantes de oito países e ao seu abeiro téñense defendido oito teses de doutoramento de alumnado de España, Portugal e Camerún.

O programa deu este martes oficialmente a benvida ao curso 2022/2023 cunha xornada de conferencias celebrada presencialmente na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e retransmitidas a través UVigo TV tendo en conta a faciana internacional deste programa. O obxectivo desta actividade foi “difundir a cultura da investigación en relación coa auga no eido académico”, centrándose concretamente na historia do uso e a investigación das augas en Galicia. Na benvida, J. Eugenio López Periago, coordinador deste programa de doutoramento, indicou que con esta xornada a organización quixo “visibilizar tamén o carácter interdisciplinar deste Campus Auga e do seu programa de doutoramento, que abrangue todas as áreas de coñecemento relacionadas coa auga”.

Dúas conferencias

Luis Alonso Álvarez, catedrático de Historia Económica da Universidade da Coruña, foi o encargado de abrir as xornadas cunha conferencia titulada O lecer das augas. O paradigma lúdico dos balnearios españois, c. 1750-2019. Na presentación do relator, o historiador Jesús de Juana, “colega e amigo desde hai máis de 30 anos” de Alonso Álvarez, destacou a dilatada traxectoria docente e investigadora do convidado en eidos como o estudo da historia económica de Galicia e a auga e o termalismo nas súas diferentes facetas. O economista ofreceu unha conferencia sobre “a relación entre as augas termais e as persoas e como esa relación vai bascular ao longo do tempo entre dous paradigmas, o paradigma de saúde (as augas como remedio para determinadas doenzas físicas ou psíquicas) e o de lecer (o pracer que dá tomar as augas)", paradigma este último, dixo, “ao que estamos asistindo na actualidade en gran medida co turismo de saúde e de lecer e o turismo termal. Ao longo da súa intervención abordou temas como a tradición milenaria das augas termais, a súa recuperación no século XVIII, as primeiras empresas neste eido, os atrancos de crecemento do sector e a súa superación no século XIX, os balnearios na Restauración e a crise e recuperación dos balnearios no século XX. Na actualidade, comentou Luis Alonso Álvarez, “Galicia é unha potencia, un referente a nivel español en turismo de saúde e lecer” e hai “bastante equilibro” entre os paradigmas do curativo e do lecer e benestar. Pola súa banda, Francisco Díaz Fierros-Viqueira, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela e membro numerario da Real Academia Galega, ofreceu nestas xornadas unha Pequena historia das análises de augas en Galicia, concretamente sobre a figura de Antonio Casares.

Un programa interdisciplinar e internacional

O Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento é un programa propio da Universidade de Vigo pero que, explican desde a súa organización, ten un carácter internacional xa que conta coa colaboración da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), do Instituto Politécnico do Porto (IPP) e do Instituto Politécnico de Bragança. Cada curso académico oferta 25 prazas ao alumnado interesado, que logo teñen tres ou cinco anos para a elaboración e presentación da súa tese de doutoramento, segundo teñan dedicación a tempo completo ou a tempo parcial. “Os recursos humanos (moitos dos grupos de investigación participantes son referentes dentro dos seus campos) e materiais dispoñibles (equipamento dos laboratorios das facultades, escolas e o CITI) permiten que este programa se converta nun excelente marco académico para a investigación e a formación de doutores e doutoras dentro do Campus Auga e dos sectores económicos transversais interrelacionados”, sinalan. Así, entre outros datos, destacan a capacidade formativa do conxunto de 134 profesoras e profesores que participan deste programa.

Froito do traballo realizado, no marco do programa de doutoramento do Campus Auga téñense defendido oito teses realizadas por alumnado de tres países, concretamente de España, Portugal e Camerún. A primeira destas teses foi a realizada polo investigador do Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) Iago Algarra, que coincidindo coa pandemia da covid-19 defendeu de xeito telemático a finais de marzo de 2020 o seu estudo Moisture transport associated with atmospheric rivers and low level tets at global scale. Na actualidade están matriculados no programa 70 estudantes de oito países (España, Portugal, Cuba, Camerún, Venezuela, Brasil, Italia e China), sendo a súa taxa de graduación do 85%. Entre as actividades que ten que realizar este alumnado cada curso académico están, alén da supervisión anual do avance do seu traballo mediante exposición pública, a realización de cando menos tres actividades formativas, arrancando este martes a programación con estas conferencias de benvida.