DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolvido por persoal investigador da UVigo e do IISGS e o Hospital Álvaro Cunqueiro

Un programa de exercicio con realidade virtual mellora a capacidade funcional en menores sometidos a tratamento oncolóxico

Os resultados preséntanse na xornada ‘Superheroes virtuais’, no edificio Redeiras da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 11/06/2026

Ao longo dos últimos dous anos, once nenos, nenas e adolescentes sometidos a un tratamento oncolóxico participaron nun programa de exercicio terapéutico baseado no uso de videoxogos a través duns lentes de realidade virtual, promovido por persoal investigador da Universidade de Vigo e do Instituto de Investigación Galicia Sur (ISSGS), xunto co Servizo de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC). Este programa de rehabilitación de oito semanas, baseado no uso de exergames, xogos que implican unha compoñente física, implicou “melloras relevantes na capacidade funcional e física” destes nenos e nenas, segundo salienta o equipo investigador. Presentar os primeiros resultados desta liña de traballo e, ao mesmo tempo, efectuar un recoñecemento ás e aos menores que participaron neste programa é o obxectivo da xornada Superheroes virtuais, que na tarde deste xoves se desenvolve en Vigo, no edificio Redeiras da Universidade.

Nesta xornada, o investigador do grupo HealthyFit e profesor da Facultade de Fisioterapia Pablo Campo e a pediatra María Tallón, integrante do Grupo de Investigación Pediátrica e Enfermidades Raras do IISGS, presentan os resultados das avaliacións realizadas aos nenos e nenas que completaron un programa levado a cabo nos seus propios domicilios, antes, durante ou despois de someterse a un tratamento oncolóxico. Inaugurada pola directora científica do IISGS, Eva Poveda, e a xefa do Servizo de Pediatría do HAC e responsable do Grupo de Investigación Pediátrica e Enfermidades Raras, Ana Concheiro, esta xornada busca recoñecer tanto aos e ás menores e as súas familias, como ás entidades que contribuíron a facer posible esta iniciativa, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), a Fundación García Chillón, a asociación Bicos de Papel, a empresa BorgWarner e o banco Mediolanum.

Intervención domiciliaria

Como explica Campo, esta iniciativa “nace dun estudo de caso no ano 2023”, no que constatan que sería “factible articular un programa de fisioterapia baseado en exercicio terapéutico” que, valéndose duns lentes de realidade virtual, os pacientes pediátricos oncolóxicos puidesen levar a cabo no propio domicilio. Esta experiencia levou ao deseño dunha intervención de oito semanas, no que as e os menores, de entre 6 e 14 anos, realizaban entre tres e seis sesións semanais de exercicio físico cuns videoxogos previamente seleccionados, seguindo “unhas pautas moi específicas”, nos tempos de xogo previamente determinados. “Articulamos un programa moi progresivo”, sinala Campo, de tal xeito que nas primeiras semanas, que “coinciden moitas veces co período no que teñen unha maior afectación do tratamento quimioterápico”, nenos e nenas debían realizar cinco minutos ao día de exercicios “dunha maneira suave”. Posteriormente, ían aumentando a intensidade da actividade, de tal xeito que nas últimas semanas “traballan xa a capacidade aeróbica, a potencia e a forza a un ritmo bastante alto”.

En todos os casos, tratábase de sesións cunha “pauta pechada”, de entre cinco e oito minutos, que debían realizar unha única vez ao día, un mínimo de tres un máximo de seis veces á semana. Isto leva ao equipo investigador a pór de relevo a implicación de nais e pais, “que son moi importantes para poder ir vendo cales son as sensacións dos nenos e nenas e, sobre todo, ir marcando a progresión”, sinala Campo. Ao mesmo tempo, o feito de facilitarlles equipos portátiles, permitía que as e os menores puidesen realizar as sesións diarias de exercicio no momento do día no que se atopasen menos afectados “polo malestar e a fatiga que xeran este tipo de tratamentos” ou mesmo en períodos de ingreso hospitalario. 

Melloras significativas

Unha serie de probas, realizadas antes e despois da intervención, permitiron constatar “melloras relevantes na capacidade funcional e física” destes nenos e nenas, tanto en materia de mobilidade funcional, forza muscular ou aumento da resistencia física, como na “recuperación e mantemento da capacidade cognitivo-motora”. 

Nese senso, estas avaliacións amosaron “melloras xeneralizadas en mobilidade e forza” nos membros inferiores das e dos participantes, que “experimentaron unha redución significativa nos tempos de execución” de probas como o test Timed Up and Go. Do mesmo xeito, outras probas amosaron un incremento da forza funcional nos membros inferiores, constatando unha “recuperación da autonomía funcional”, ao mesmo tempo que este programa tivo un impacto positivo nos parámetros relativos á forza nos brazos, capacidade física e resistencia aeróbica. As e os participantes reflectiron de forma xeral melloras na súa capacidade cardiorrespiratoria e, en varios dos casos, rexistráronse melloras tamén nas probas dirixidas a avaliar o seu tempo de reacción. No seu conxunto, sinala Campo, estes resultados “apuntan a unha recuperación global da condición física, frecuentemente afectada tras os procesos oncolóxicos”, de tal xeito que esta iniciativa amósase como unha intervención que contribúe á recuperación física das e dos pacientes pediátricos e á mellora da súa autonomía, tendo en conta que os tratamentos oncolóxicos poden provocar atrofia muscular, alteracións da marcha ou perda de forza e equilibrio.

Os resultados destas análises, pendentes de publicación nunha revista científica, insírense á súa vez na investigación que a pediatra María Tallón desenvolve para a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo, na que incorpora tamén unha avaliación de “aspectos psicoemocionais”. Nunha xornada que se completou coa proxección dun vídeo que abordaba a súa evolución, Campo encargouse de incidir nas melloras acadadas nos diferentes test por cada un dos nenos e nenas presentes, nun acto que buscaba pór en valor “a súa implicación e capacidade de afrontamento”.