DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está realizado por investigadoras das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Carlos III

O programa Ni ♀N ni ♂FF fomentará na mocidade a prevención do acoso sexual cara a cara e virtual

Propón actividades para desenvolver durante os catro cursos de Educación Secundaria Obrigatoria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI Ourense 31/01/2022

Previr desde o ámbito educativo o acoso sexual exercido cara a cara ou de xeito on line na etapa adolescente. Este é o obxectivo de Ni ♀N ni ♂FF, un programa coeducativo de prevención do (ciber)acoso sexual desenvolvido por investigadoras das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Carlos III de Madrid e liderado polo Grupo de Investigación en Sexualidade, Xénero e Saúde do campus de Ourense.

O programa e a publicación que o recolle, titulada Ni ♀N ni ♂FF: Programa coeducativo de prevención de (ciber)acoso sexual, foron presentados este luns na Facultade de Educación e Traballo Social ourensá polas súas autoras, as investigadoras Yolanda Rodríguez e Rosana Martínez (UVigo), Patricia Alonso (USC) e Alba Adá Lameiras (UC3M). A iniciativa, indicaron as súas responsables, desenvolveuse no marco do proxecto O acoso sexual a través dos comentarios sobre o corpo nas relacións interpersoais (IgualaMÁS), coordinado pola propia Yolanda Rodríguez e a catedrática María Lameiras e financiado pola convocatoria Retos de 2019 do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Nin vítimas nin agresores

O acoso sexual, explican as autoras da publicación, “afecta ao benestar de gran parte da sociedade, especialmente das mulleres e doutros colectivos que transgriden as normas de xénero, evolucionando nos últimos anos sobre todo cara un espazo on line ocupado, en gran parte, polo colectivo adolescente”. O título da súa proposta educativa, indican, é Ni ♀N ni ♂FF xa que alude ao acoso sexual que se materializa tanto na dimensión on line como off line. “Seguindo a tendencia actual dos resultados de estudos nacionais e internacionais, a pesar de que mozas e mozos adolescentes están a asumir o dobre rol de vítima e de agresor/a, as mozas tenden a identificarse como máis controladoras no espazo virtual e os mozos máis perpetradores do acoso sexual off line, cara a cara”, destacan. Por iso, engaden as investigadoras, o símbolo ♀ asociouse á dimensión online e o ♂ coa dimensión off line, “coa finalidade de previr todo tipo de acoso sexual (on line e off line) e abarcando todas as manifestacións do acoso sexual: as perpetradas por parte do grupo de iguais, nas primeiras relacións afectivo-sexuais e por parte de persoas descoñecidas, tanto no espazo público como no espazo privado”.

O programa está deseñado para levar a cabo un traballo “sistemático e rigoroso” co alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (1º a 4º curso, de 12 e os 16 anos). “Con este programa achégase unha proposta innovadora para o colectivo docente de Educación Secundaria Obrigatoria na que se tentou condensar todas aquelas cuestións que poden comprometer o adecuado desenvolvemento integral das e dos adolescentes, que é o obxectivo principal do proceso educativo”, sinalan as súas autoras, lembrando como actualmente disponse de escasos materiais deste tipo.

Actividades didácticas

Os contidos de Ni ♀N ni ♂FF organízanse en dous grandes bloques. O primeiro está dedicado ao acoso sexual na dimensión off line e o segundo ao acoso sexual na dimensión on line. Dentro do primeiro bloque contémplanse tres áreas temáticas: acoso sexual entre iguais no ámbito educativo; acoso sexual no ámbito público e acoso sexual na parella. Dentro do segundo bloque inclúense outras tres áreas temáticas: do sexting á sextorsion e ao grooming; ciberacoso sexual entre iguais e do ciberacoso sexual na parella á vinganza porno. Cada unha destas áreas inclúe cinco actividades para traballar ao longo dos catro anos da ESO ou para aplicarse de forma independente. Todas as actividades están deseñadas cun formato moi didáctico, que permite a profesorado e alumnado o seu desenvolvemento paso a paso. Co obxectivo de conectar co público adolescente, hai por exemplo actividades nas que se traballa con cancións populares entre este público, con exemplos de stories de redes sociais ou con materiais de TikTok. “Trátase de fomentar que as e os adolescentes se relacionen de forma axeitada e saudable e que eviten pórse en situacións de vulnerabilidade”, indican as investigadoras.

Aínda que deseñado para ser implementado durante o horario de titoría, o material, indican as súas responsables, pode aplicarse dentro da programación doutra materia, desde a transversalidade, especialmente naquelas que inclúa a temática da educación para a saúde, incluída a afectivo-sexual, a igualdade entre homes e mulleres ou a educación para a paz e a non violencia. Tamén se pode utilizar este programa na educación non formal e informal, en intervencións extraescolares. O libro en papel, editado por Aranzadi, incorpora tamén unha versión electrónica, para facilitar o uso e impresión das fichas e materiais por parte dos centros educativos.