DUVI

Diario da Universidade de Vigo

20 persoas fórmanse en Belas Artes no obradoiro ‘Transferencia a soportes cerámicos’

A programación de cursos de verán do campus complétase cun taller que fusiona cerámica e gravado 

Centrado en explorar diferentes técnicas para trasladar imaxes ás pezas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 05/10/2026

Aberta ao conxunto da cidadanía, a programación de cursos de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus abrangueu un conxunto de propostas formativas que permitiron levar a formación máis aló do curso académico. Os coñecidos como cursos de verán arrancaron o pasado mes de xuño e complétanse nestas semanas na Facultade de Belas Artes co taller Transferencia a soportes cerámicos, centrado no traballo con diferentes técnicas que permiten plasmar imaxes en pezas cerámicas. Coas súas 20 prazas cubertas, ten como obxectivo achegar ás e aos asistentes unha base de coñecementos que lles permita ter unha visión xeral sobre a aplicación de diferentes técnicas de gravado á pezas de cerámica e os resultados que permiten obter, coa idea de que logo poidan seleccionar as máis apropiadas para os seus proxectos artísticos.

Dirixido polo técnico José Ángel Zabala, a primeira edición deste curso reúne tanto estudantado e profesorado da facultade como a persoas alleas á comunidade universitaria e conta coa participación como docentes dos “recoñecidos artistas” Javier Ramos Arana e Elena Carrasco, xunto coa egresada da facultade e técnica en escultura Teresa Pece. “Este taller ten como obxectivo ofrecer unha introdución á técnica de transferencia de imaxes sobre soportes cerámicos”, salientan desde a organización desta actividade, que leva ás persoas participantes traballar con diferentes tipos de placas, tintas e métodos de impresión, así como a analizar as necesidades de cada imaxe para adaptarse mellor aos distintos procesos.

Da elección das imaxes á análise dos resultados finais

“É un curso que combina técnicas de gravado con procesos cerámicos”, subliña Carrasco dunha proposta formativa que aborda, dun xeito práctico, “como adaptar unha técnica de gravado” ao traballo con cerámica, que tintas empregar e como deben utilizarse para que poidan “resistir as temperaturas do forno”, na cocción das pezas.  

O curso arrancou no mes de xullo cunha primeira sesión dirixida a achegar ás persoas participantes unha serie de indicacións para a preparación das imaxes, debuxos ou ilustracións que ían empregar neste obradoiro. Xa nos últimos días, o traballo centrouse en transferir ese conxunto de imaxes a múltiples pezas, nunha serie de clases prácticas que permitiron ao alumnado traballar “con técnicas de litografía, xilografía, gravado calcográfico, serigrafía e outros métodos de transferencia, como fotogravado ou fotocerámica”, apunta Carrasco. “Non queremos que sexa un taller de produción de obra persoal, senón un taller no que a xente poida aprender a técnica para que logo poida desenvolver o seu proxecto persoal”, engade esta ceramista, que incide en que un dos propósitos é precisamente que esta formación permítalles “combinar, segundo as súas necesidades, as técnicas que lles conveñan máis”.

Pechada esta fase, o obradoiro clausurarase o 21 de outubro cunha sesión de posta en común e análise dos resultados das diferentes xornadas, unha vez as pezas realizadas completen o seu proceso de secado e cocción, que permite transformar a arxila nun obxecto resistente. Deste xeito, esta última sesión permitirá analizar “como se comportan as tintas no forno”, salienta Carrasco.