DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será ás 19.00 h no Cineclube Padre Feijóo

A programación de 'Docs del mes' arranca en Ourense coa proxección de 'Ouaga girls'

O ciclo audiovisual está formado en total por cinco sesións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cine
  • Cultura
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Ourense 06/03/2019

Tras arrancar o pasado ano no campus de Pontevedra, a iniciativa Docs del mes esténdese este ano aos campus de Ourense e Vigo. O seu obxectivo é achegar o cine documental ao máximo número de espectadoras e espectadores e abrilo a novos públicos proxectando ata o mes de xuño cinco documentais internacionais, de calidade e de temática e procedencia diversa. No caso de Ourense, o ciclo desenvólvese coa colaboración do Cineclube Padre Feijóo.

Con esta iniciativa a Universidade de Vigo súmase cos seus tres campus a DocsBarcelona, posto en marcha no ano 2004 e do que desde 2007 se encarga a compañía Parallel 40, estando na actualidade desenvovéndose en máis de 70 salas de España e América Latina. No caso de Ourense propúxose colaborar nesta iniciativa ao Cineclube Padre Feijoo. “Entendemos que sería interesante, por criterio e por divulgación, que o proxecto Docs del mes formase parte da programación que o Cineclube oferta e iniciamos deste xeito unha colaboración co fin de achegar a comunidade universitaria a este xénero audiovisual pero, ao mesmo tempo, á cultura do audiovisual en xeral”, comenta Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais no campus de Ourense.

De Burkina Faso a Chile

As proxeccións en Ourense serán o 7 de marzo Ouaga girls; o 21 de marzo Bobby Jene; o 25 de abril Namrud; o 23 de maio Time trial e o 6 de xuño Los reyes. Todas as proxeccións, en versión orixinal con subtítulos en castelán, serán de balde, ás 19.00 horas, na Biblioteca Pública de Ourense.

Uagadugú, a capital de Burkina Faso, é o escenario no que un grupo de mozas estudan para se converter en mecánicas de coches. Nun país cun paro xuvenil que supera o 50%, Ouaga girls é unha inspiradora historia sobre as eleccións que se toman na vida, nun momento no que se produce a complicada transición da adolescencia á vida adulta. Con este documental, o primeiro de longa metraxe da súa directora Theresa Traoré Dahlberg, comezará o vindeiro 7 de marzo o ciclo Docs del mes en Ourense, enlazando esta iniciativa coa celebración do Día Internacional da Muller. Seguiralle o 21 de marzo Bobbi Jene, traballo da realizadora Elvira Lind, que toma o seu título do nome da súa protagonista, a bailarina Bobbi Jene, que tras unha década de éxito e fama en Israel decide regresar a Estados Unidos a traballar de xeito independente. Na súa segunda película documental, Lind amosará a loita dunha muller por manter a súa independencia, volvendo a un país e a unha familia con fortes conviccións católicas, que deixou atrás hai anos.

O 25 de abril chegará a Ourense Namrud, ópera prima do realizador sevillano Fernando Romero, formado en Austria e Israel, onde traballou con músicos palestinos como director e produtor dos seus vídeos musicais. Namrud, nome que alude ao personaxe bíblico que construíu a Torre de Babel, achegará ás e aos espectadores a historia de Jowan Safadi, famoso e controvertido músico palestino-israelí, que coa súa banda Fish Samak escribe cancións críticas coa sociedade e nas que aborda temas considerados tabú no mundo árabe.

Pechan a programación Time trial e Los Reyes. O primeiro deles é documental dirixido Finlay Prestell que nos achega as últimas carreiras de David Millar, un reputado ciclista escocés que recibiu unha suspensión por dopaxe en 2004, converténdose posteriormente nunha potente voz dentro da loita antidopaxe e volvendo ás competicións como “ciclista limpo”. Time trial afonda nos seus últimos días de competición no Tour de Francia, días que servirán ao protagonista para sincerarse consigo mesmo e co público sobre os claroscuros que determinaron a súa biografía deportiva. Por último, en Los reyes, os chilenos Bettina Perut e Iván Osnovikoff traen á pantalla a historia dos cans de rúa Fútbol e Chola, narrando as súas aventuras entre adolescentes nun parque chamado Parque de Los Reyes.

Programa completo